O festival internacional de divulgación científica Pint of Science pechou a súa terceira edición en Carballo cun rotundo éxito de público, con 387 asistentes (unha cifra que se eleva por riba das 400 persoas se incluímos membros da organización, representantes do Concello e investigadores/as) ao longo das súas tres xornadas de celebración. A iniciativa volveu cumprir co obxectivo de trasladar o coñecemento científico dende o eido académico ata os espazos de lecer cotiáns, congregando a veciños e veciñas nos bares locais para escoitar de primeira man os relatorios de investigadores e profesionais do propio municipio.
O festival arrincou na cervexaría Marabú co relatorio de David Castro Reigía, investigador predoutoral na Universidade de Burgos, que na charla O que a luz conta do que non vemos explicou como a espectroscopía NIR e a quimiometría permiten estudar a interacción da materia coa luz para aplicar melloras industriais sen destruír as mostras. Amosou exemplos reais da súa aplicabilidade no sector da panadería (como a monitorización da fermentación en barras de pan) e no sector lácteo, logrando diminuír ata nun 70 % a variabilidade na fabricación de iogures.
Na mesma xornada, Désirée Domínguez Pallas, directora do Arquivo Histórico Universitario de Santiago e coordinadora do Observatorio de IA en Arquivos , abordou o tema Arquivos e arquiveir@s: que pintan na era da IA?. A relatora detallou os traballos de xestión e conservación documental e debullou proxectos reais nos que se aplica a intelixencia artificial, como o recoñecemento de texto manuscrito (HTR) e indexación probabilística en coleccións dos séculos XV e XVI para protexer o patrimonio histórico subacuático.
O martes 19, na cafetaría do Pazo da Cultura, o neonatólogo Alejando Ávila Álvarez expuxo o seu proxecto Investigando o pulmón dos nenos prematuros. Ávila subliñou que, aínda que a supervivencia en bebés de menos de 32 semanas e 1.500 gramos sitúase hoxe por riba do 90 %, segue a ser prioritario atopar biomarcadores para a predición temperá da displasia broncopulmonar (DBP) a través da xenética (ADNmit) e a proteómica, reducindo así a gravidade desta afección mediante intervencións precoces.
Pola súa parte, a biotecnóloga Alba Vilariño Porteiro, investigadora no Centro Tecnolóxico CETIM, presentou Unha mina no teu peto. Vilariño alertou sobre a escaseza e dependencia exterior das materias primas críticas e propuxo a biohidrometalurxia (o uso de microorganismos para extraer metais) como unha alternativa sostible fronte á minería tradicional e os métodos de reciclaxe contaminantes. Detallou o seu traballo no proxecto RELOAD para recuperar metais de alto valor de vehículos eléctricos ao final da súa vida útil.
A última xornada estivo dedicada á seguridade dixital e á inclusión social. Olalla Rama García, consultora en ciberseguridade, ofreceu consellos prácticos na súa charla Clics e claves: sobrevivindo ao día a día dixital. Explicou conceptos para protexer os dispositivos fronte a ataques e estafas dixitais e recomendou o uso de xestores de contrasinais e a estratexia da “regra das 3 palabras” para crear claves robustas e difíciles de descifrar.
O broche final púxoo a logopeda Isabel García García co relatorio Non só é autismo. García expuxo a necesidade de apoiar as familias que conviven cun Trastorno do Espectro Autista (TEA) e explicou como as liñas de investigación actuais buscan mellorar e axilizar o cribado temperá do autismo mediante o uso de intelixencia artificial e modelos de aprendizaxe automático aplicados a datos clínicos e cuestionarios tradicionais.
O festival Pint of Science reafirmou en Carballo a relevancia de achegar a ciencia á rúa a través de dinámicas comprensibles, interactuando de forma directa e achegada co tecido social do municipio.