A web oficial do concello de Carballo

Volve o Xiria Pop fiel á súa esencia: música con personalidade e proximidade entre bandas e público

Do 18/09/2026 ata o 19/09/2026
22:00
Casino 1889

O Xiria Pop xa ten cartel para a súa 29ª edición. O promotor do festival, Xabier Graña; a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, presentaron hoxe a programación dunha cita que reunirá no Casino 1889, os días 18 e 19 de setembro, oito propostas moi diferentes, pero unidas pola aposta pola personalidade artística, a calidade e a música afastada dos circuítos máis comerciais.

O festival, organizado pola Concellaría de Cultura, chega ás portas da trintena consolidado como unha das citas musicais con máis traxectoria de Carballo, sempre coa idea de ofrecer ao público propostas diferentes e alternativas. Co paso do tempo, o Xiria Pop foi construíndo tamén unha comunidade propia de público que confía no criterio do festival mesmo cando non coñece previamente as bandas do cartel.

Ese é precisamente un dos sinais de identidade que quere preservar Xabier Graña, fundador e alma do Xiria Pop. “Nunca buscamos facer un festival grande, senón un festival no que os grupos sexan bos, poidan defender o seu traballo nas mellores condicións e marchen contentos de Carballo. E tamén que o público veña sabendo que, coñeza ou non os nomes do cartel, vai atopar música que paga a pena descubrir”, sinalou.

O formato tamén forma parte dese espírito. O Xiria Pop mantén a súa aposta por unha sala de dimensións reducidas como o Casino 1889, que permite a proximidade entre músicos e público e crea un ambiente moi distinto ao dos grandes festivais. Graña ten reivindicado ao longo dos anos ese carácter de festival de sala, no que artistas e asistentes comparten practicamente o mesmo espazo.

A concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, destacou “a enorme personalidade dun festival que leva case tres décadas demostrando que desde Carballo se pode facer unha programación musical singular, arriscada e cun criterio moi claro. O Xiria Pop _engadiu_ ten algo moi valioso: non segue tendencias, senón que crea o seu propio camiño. Para o Concello é importante apoiar proxectos culturais que nacen da iniciativa e do coñecemento de persoas que levan moitos anos traballando pola cultura na nosa vila”.

Pola súa banda, o alcalde, Daniel Pérez, puxo o acento na capacidade do festival para converterse nunha referencia estable dentro da programación cultural carballesa. “O Xiria Pop forma parte da historia cultural recente de Carballo e representa moi ben ese modelo de cultura que queremos: diverso, aberto, con personalidade propia e capaz de atraer ata aquí persoas que veñen expresamente pola programación”, afirmou. O alcalde felicitou tamén a Xabier Graña pola constancia e polo “traballo de tantos anos para seguir sorprendendo edición tras edición”.

Programa do venres 18

  • O venres 18 abrirá o festival El Último Ciclista, proxecto encabezado polo músico uruguaio afincado no Porriño Gabrulo García, cun pop especialmente coidado nas melodías, letras e arranxos e unha formación de cinco músicos. A banda aproveitará o concerto de Carballo para adiantar algunhas cancións do seu próximo disco.
  • Desde Pamplona chegarán Dum Dum Pachecos, cunha mestura de sons dos sesenta, rock and roll, psicodelia, folk e pop, marcada polas guitarras e por unha forte sección rítmica.
  • O cartel internacional desta primeira xornada estará representado por Grateful Cat, dúo berlinés formado por Gwendolyn Tägert e Franky Fuzz, autores de cancións luminosas e harmonías vocais que beben tanto do pop dos sesenta como da tradición independente. A banda foi elixida recentemente por The Lemonheads para abrir un dos seus concertos en Berlín.
  • Completa a noite Óscar Avendaño & Reposado, unha das facetas máis persoais do músico vigués, cun repertorio de folk rock de raíces británicas e, sobre todo, americanas. Para a súa actuación no Xiria Pop, a formación habitual incorporarase ademais un teclista por petición do propio festival.

 

Programa do sábado 19

  • O sábado 19 terá un protagonismo especial para a escena galega. Abrirán Lowcos, banda carballesa con dezaseis anos de historia, guitarras, rock alternativo e ecos do post-punk, que volverá tocar diante do público da casa.
  • Tamén subirán ao escenario Faul, trío que se define como “queer punk from Galicia” e que combina punk rock, riot grrrl e hardcore, con cancións en galego, francés e alemán e letras marcadamente feministas e reivindicativas.
  • Desde Madrid chegará El Gobierno, proxecto encabezado por Guille Casanova, baixista de Los Chicos, cunha proposta na que conflúen o rock and roll setenteiro, o punk rock e o punk soul e referentes como MC5, The Jam, Radio Birdman ou Dr. Feelgood.
  • Pechará o cartel F.A.N.T.A., trío de Santa Coloma de Gramenet en activo desde 1999 e xa convertido nun clásico do punk-pop estatal. A banda presentará en Carballo o seu oitavo disco, Me aburro Vol. 2.

 

As portas do Casino 1889 abrirán ás 21.00 horas e os concertos comezarán ás 22.00 nas dúas xornadas. O abono único custa 20 euros e pode adquirirse de xeito anticipado nesta ligazón.

Con esta 29ª edición, o Xiria Pop queda xa a un paso dunha cifra especialmente simbólica: trinta edicións dun festival que mantén intacta a filosofía coa que naceu hai case tres décadas: facer de Carballo un lugar no que descubrir música que non sempre resulta doado atopar noutros escenarios.

 

Non hai campos definidos para este produto.