A web oficial do concello de Carballo

Visita á exposición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís guiada por Ángel Cordero

21/05/2026
19:30
Pazo da Cultura

Tras a gran acollida da entrega de premios da 28.ª edición do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís, o Concello de Carballo quere ofrecer á cidadanía unha oportunidade única para profundar na linguaxe fotográfica. O vindeiro xoves 21 de maio, o recoñecido experto e membro do xurado, Ángel Cordero, ofrecerá unha visita guiada pola exposición que recolle as obras máis destacadas do concurso.

A exposición, situada no andar -1 do Pazo da Cultura, conta con pezas de gran calidade técnica e narrativa. Porén, o Concello busca que o público vaia máis alá da simple observación. A través do percorrido guiado por Ángel Cordero, os asistentes poderán descubrir por que certas imaxes resultaron gañadoras, analizando elementos como a composición, o uso da luz, a intención comunicativa e a técnica empregada polos artistas.

A visita deterase especialmente nas obras galardoadas este ano: dende a estética contemporánea da Gasolinera en Armagossa de Xavier Ferrer Chust (primeiro premio), ata o simbolismo e a carga social presentes en Amencer de José Manuel Pérez Pena, La ansiedad de Dmytro Yaroshevskyi ou o retrato Roxanne de Miguel Ángel Vijande Cea.

Esta actividade está aberta tanto a fotógrafos afeccionados que queiran mellorar a súa técnica como a calquera veciño ou veciña con curiosidade por entender mellor a arte contemporánea.

A visita guiada é de entrada libre e non require inscrición previa, reafirmando o compromiso de Carballo coa divulgación cultural e o acceso democrático á arte ao abeiro do programa A través da lente.

Non hai campos definidos para este produto.