A web oficial do concello de Carballo

Talleres teórico-prácticos “Saúde natural na era artificial”, con Alejandro Castro

Do 14/10/2025 ata o 16/12/2025
19:30
Biblioteca Municipal Rego da Balsa

Explorar as claves para sentirnos mellor é o obxectivo do ciclo de talleres teórico-prácticos Saúde natural na era artificial, que se levarán a cabo entre outubro e decembro na Biblioteca Rego da Balsa con Alejandro Castro, profesional da acupuntura. Segundo explica, con esta actividade pretende establecer “unha canle de divulgación directa co usuario. Mediante unha ollada á natureza e a historia, lembrar que a saúde é sinónimo de integridade e que o noso benestar pasa, indiscutiblemente, por “emocionar” a nosa forma de mirar o mundo que nos rodea”.

Este é o programa

14 de outubro | 19.30 h

INTRODUCIÓN

Se hai tanto de todo, por que me atopo mal?

Neste primeiro obradoiro farase unha breve introdución ao concepto de saúde natural e formularase unha posible razón da existencia de tanto malestar nun momento de suposta abundancia.

 

4 de novembro  | 19.30 h

O MEU CORPO COMO MATERIA E TERRITORIO

Neste encontro exporá como o medo e a violencia dificultan a nosa capacidade de prestarlles atención ás necesidades do noso corpo. As persoas participantes realizarán algunhas prácticas creativas sinxelas e, a través da escritura, formularán unha dirección para recoñecer a solución básica á falta de comunicación que hai nos nosos distintos territorios.

 

25 de novembro | 19.30 h

A MIÑA ENERXÍA É RENOVABLE?

O obxectivo desta sesión é entender que significa enerxía vital, como funciona e cales son os seus límites. As persoas asistentes traballarán nunha estratexia en contra do abuso enerxético no noso corpo e identificarán formas naturais de recargarnos.

 

16 de decembro | 19.30 h

ESPÍRITO E SAÚDE, UN CASO DE CORRUPCIÓN DA MEMORIA

Como manter a saúde cando non se recorda o verdadeiro significado do auténtico. Unha breve mirada ao pasado para entender en que momento e como cambiou o paradigma de saúde e cales son os elementos que nos faltan para volver a ter esa sensación de que todo funciona.

 

Os talleres do ciclo Saúde natural na era artificial van dirixidos ao público adulto e son gratuítos. Cada sesión terá unha duración de hora e media, e non se requiren coñecementos previos.

Para inscribirse é preciso cubrir o formulario que segue (un formulario por persoa).

12 dispoñibles

Non hai campos definidos para este produto.