A web oficial do concello de Carballo

Talleres de merendas saudables para levar ao cole

Do 07/09/2026 ata o 08/09/2026
17:00
Mercado municipal

A programación do plan de dinamización do mercado municipal continúa nos días previos ao inicio do curso escolar con dous obradoiros de merendas saudables dirixidos a nenos e nenas, impartidos pola nutricionista María del Sol Pérez Iglesias. O obxectivo é ofrecer ás familias ideas sinxelas, equilibradas e atractivas para as merendas do colexio, ao tempo que se fomenta entre os máis pequenos o coñecemento dos alimentos e uns hábitos de consumo máis saudables.

Os obradoiros serán eminentemente prácticos. A través da dinámica “Detectives do azucre”, os nenos e nenas poderán comprobar de maneira visual a cantidade de azucre presente en determinadas merendas ultraprocesadas e comparalas con alternativas naturais.

Despois pasarán á cociña para elaborar eles mesmos dúas ou tres propostas de merendas, sempre mediante preparacións adaptadas á súa idade e sen utilizar lume nin utensilios de risco. Entre as receitas previstas figuran brochetas de froita, preparacións con pan integral e fontes de proteína ou vasos de lácteos sen azucres engadidos.

Ao remate, cada participante recibirá un diploma de Nutri-Experto e un pequeno receitario ilustrado para poder reproducir as propostas na casa coas súas familias. A actividade tamén poderá adaptarse a posibles alerxias ou intolerancias alimentarias que se comuniquen no formulario inferior.

Público destinatario: nenos/as en idade escolar acompañados por unha persoa adulta

Importante: se finalmente non pode asistir, pregámoslle que o comunique enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.

Non hai campos definidos para este produto.