A web oficial do concello de Carballo

Semana da Mobilidade: xogos na rúa para celebrar o Día sen Coches

20/09/2026
11:00
Praza do Concello

Carballo celebrará o Día sen Coches o domingo 20 de setembro cunha das propostas máis simbólicas da Semana Europea da Mobilidade: retirar temporalmente o protagonismo dos vehículos para devolvérllelo ás persoas.

De 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas, a Praza do Concello acollerá Xogamos na rúa!, unha programación con xogos xigantes, xogos populares en familia, obradoiro de chapas, karts a pedais (só pola tarde) e animación infantil con música e monitorado.

Máis alá do seu carácter festivo, a actividade pretende facer visible unha reflexión que está no centro da Semana Europea da Mobilidade: o espazo público pode cumprir moitas outras funcións ademais da circulación ou estacionamento de vehículos.

A xornada permitirá que nenos, nenas e familias ocupen a praza para xogar, convivir e participar en actividades compartidas, convertendo durante unhas horas o centro urbano nun lugar deseñado arredor das persoas.

O Día sen Coches coincidirá ademais coa celebración do I Circuíto Un Paso Máis, reforzando o carácter inclusivo e participativo dunha mañá na que o centro de Carballo estará dedicado á convivencia e á mobilidade para todas as persoas.

Non hai campos definidos para este produto.