A web oficial do concello de Carballo

Primavera enDanza arrinca con “Cicatriz” e o debut de Antón Reixa na danza contemporánea

17/04/2026
21:00
Pazo da Cultura

A compañía Kirenia Danza abre Primavera enDanza con Cicatriz, un espectáculo que transcende os límites físicos e xeracionais para poñer corpo aos versos de Antón Reixa. A peza, que conta coa interpretación do propio Reixa e da coreógrafa Kirenia Martínez Acosta, sitúa a emoción e a verdade vital no centro da escena, desafiando os canons tradicionais da danza.

“Cicatriz” nace do poema homónimo de Reixa, un texto de 300 versos que orbitan arredor do desexo e o motor da vida. A obra pon en escena dous “corpos suturados”: o dunha bailarina profesional atravesada por anos de resistencia e o dun artista referencial que, aos 67 anos e tras superar un coma, decide habitar o movemento desde a súa propia diversidade funcional.

O espectáculo, coproducido polo Centro Coreográfico Galego, é un fito na danza inclusiva en Galicia. Ao subir ao escenario a un intérprete de 67 anos cun 65% de discapacidade física, a obra lanza unha mensaxe potente: o movemento non pertence só á mocidade ou ao virtuosismo técnico, senón á curiosidade e á necesidade de expresión.

Este venres 17, Kirenia e Reixa estarán no escenario do Pazo da Cultura nunha ocasión única para desfrutar da danza contemporánea ao pé da casa. As entradas para Cicatriz están á venda en billeteira.carballo.gal ou na billeteira do Pazo desde hora e media antes da función.

 

ENTRADAS Á VENDA AQUÍ

Non hai campos definidos para este produto.