A web oficial do concello de Carballo

PLIC! | Presentación de “Tamarindo” de Xavier Queipo

13/07/2025
20:00
Xardín Municipal

PLIC! | A Praza dos Libros acolle a presentación de Tamarindo (Aira Editorial, 2024) de Xavier Queipo. No arquipélago de St. Kitts e Nevis, un home recupera a liberdade xusto no momento no que a súa memoria empeza a esclarecer que foi del nos últimos anos. Unha treboada está a piques de azoutar as illas e a súa vida. Xavier Queipo recupera un personaxe das súas obras Malaria sentimental  e Os kowa nunha obra sobre a amizade e a traizón. «Unha trama envolvente e fascinante», dixo de Tamarindo o xurado do Premio de novela Vilar Ponte, que gañou en 2024.

Xavier Queipo (Compostela, 1957) é licenciado en Bioloxía e Medicina e reside desde hai anos en Bruxelas, onde traballa para unha organización pertencente ao goberno da Comunidade Europea. Poeta, ensaísta e autor infantil, Queipo é tamén un importante tradutor. Colaborador habitual da prensa e a radio, os textos de Queipo foron antoloxizados e traducidos a diferentes linguas, e algúns dos seus poemas foron obxecto de representacións e recitacións en diversos festivais e foros europeos. A obra de Queipo caracterízase pola incorporación de ambientes e escenarios universais ás súas tramas, situando a acción nos lugares máis remotos. Creador de mundos moi evocadores onde os personaxes viven aventuras emocionantes, tamén é hábil á hora de caracterizar psicoloxicamente estes personaxes e describir ambientes e acontecementos, facendo que a súa prosa sexa extremadamente amena de ler.

  • O autor estará acompañado polo tamén escritor Xurxo Borrazás

Non hai campos definidos para este produto.