A aposta do Concello de Carballo polo fomento da lectura e polo uso da lingua galega dá este curso un paso máis. Á consolidada oferta de clubs de lectura para diferentes idades sumarase unha nova proposta para todas aquelas persoas que, ademais de gozar lendo, queiran atreverse a escribir: un obradoiro de iniciación á escritura creativa en galego, centrado na narrativa de ficción e impartido pola escritora e xornalista Marta Villar.
A nova actividade, promovida pola Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, desenvolverase de xaneiro a xuño nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, cun total de dúas sesións mensuais. Os encontros celebraranse os primeiros e terceiros venres de cada mes, de 16.00 a 17.30 horas, polo que ao longo dos seis meses de duración as persoas participantes poderán avanzar progresivamente desde os primeiros pasos da creación literaria ata a elaboración e revisión dos seus propios textos.
O obradoiro terá un carácter eminentemente práctico e abordará todo o proceso de creación dunha narración. Entre os contidos previstos figuran os elementos básicos da narrativa, a construción de escenas, as técnicas narrativas, a xeración de ideas e o desbloqueo creativo, a creación de personaxes e diálogos ou o traballo coas distintas voces narrativas.
As sesións incluirán tamén lecturas críticas e guiadas, exercicios e dinámicas de creación, así como a revisión e posta en común dos textos elaborados polo propio alumnado. O obxectivo é ofrecer ferramentas básicas para iniciarse na escrita de ficción, pero tamén crear un espazo compartido no que experimentar, perder o medo á páxina en branco e aprender a mirar os textos propios e alleos cunha perspectiva crítica e construtiva.
As prazas son limitadas. Inscrición, no formulario.
7 dispoñibles
O almacenamento ou acceso técnico é estritamente necesario co fin lexítimo de permitir o uso dun servizo específico solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou coa única finalidade de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.