O proxecto de cooperación Pesca Saúde recala este martes, 28 de abril, no centro de saúde de Carballo coa campaña Alimentos de mar, alimentos de vida. Esta iniciativa busca concienciar á poboación sobre a importancia de incluír produtos pesqueiros das lonxas galegas na dieta diaria para acadar unha nutrición sa, equilibrada e sostible.
Entre as 11:00 e as 13:00 horas, o acceso ao centro de saúde contará cunha FoodBike promocional onde se levarán a cabo diversas accións de dinamización:
Información e material: O persoal técnico do proxecto entregará material divulgativo, incluíndo un receitario, información sobre propiedades nutricionais e vales de compra.
Presentación institucional: Ás 11:30 horas terá lugar a benvida oficial coa participación de representantes do GALP Costa da Morte, a xerencia do centro de saúde e autoridades do Concello de Carballo.
Degustación: A partir das 12:00 horas, as persoas asistentes poderán desfrutar dunha degustación de produto pesqueiro elaborado por profesionais da restauración do territorio, poñendo en valor a calidade gastronómica dos produtos de proximidade.
Pesca Saúde é un proxecto promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Consellería do Mar, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e conta coa colaboración da Consellería de Sanidade.
O obxectivo principal é mellorar a calidade de vida e o benestar da cidadanía a través de hábitos alimenticios saudables, destacando os beneficios que o consumo de peixe aporta na prevención de enfermidades e no coidado integral da saúde.
O almacenamento ou acceso técnico é estritamente necesario co fin lexítimo de permitir o uso dun servizo específico solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou coa única finalidade de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.