A gastronomía galega, o oficio de amasar e a recuperación dos saberes tradicionais serán os protagonistas dunha nova cita literaria organizada pola Biblioteca Agra de Campos do Concello de Carballo. Este venres, 27 de novembro, ás 19.30 horas, as Escolas do Xardín Agra de Caldas acollerán a presentación de dous libros da autora e divulgadora gastronómica Mónica Prego, que estará acompañada por Moncho Vilar.
En Na boca do forno. El arte de la empanada gallega, Mónica Prego achéganos a un dos grandes referentes da nosa gastronomía a través das masas e dos recheos que forman parte da tradición culinaria galega. Pola súa banda, en Amasando Galicia sin gluten, a autora explora as posibilidades de adaptar as elaboracións tradicionais ás necesidades alimentarias actuais, demostrando que a tradición tamén pode ser inclusiva.
A presentación constitúe unha oportunidade para conversar sobre a transmisión do coñecemento gastronómico entre xeracións, o valor dos produtos de proximidade e a importancia de preservar un patrimonio culinario que forma parte da nosa identidade colectiva.
A cita cobra, ademais, un significado especial en Carballo, onde o pan e a cultura dos fornos constitúen un dos grandes sinais de identidade local. A actividade coincide co inicio dunha etapa na que desde o Concello de Carballo queremos reforzar a promoción do noso patrimonio panadeiro, e que terá como fío condutor ao longo do 2027 o pan de Carballo, protagonista tamén do calendario municipal que acaba de presentarse e que pode recollerse de balde na casa do concello, nas bibliotecas Rego da Balsa e Agra de Campos e no Museo de Bergantiños.
Desde a Biblioteca Agra de Campos convídase a toda a veciñanza, e moi especialmente ás persoas amantes da cociña, da cultura do pan e da gastronomía tradicional, a participar neste encontro coa autora.
O almacenamento ou acceso técnico é estritamente necesario co fin lexítimo de permitir o uso dun servizo específico solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou coa única finalidade de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.