A web oficial do concello de Carballo

FIOT 2025: “Territorio regueifa”

06/02/2026
21:00
Pazo da Cultura

#34 FIOT | ESTREA ABSOLUTA

Despois de ser adiada a súa estrea no FIOT 2025 por causa de forza maior, o Pazo da Cultura acolle por fin a estrea absoluta de Territorio Regueifa, unha coprodución do FIOT xunto co CDG (Centro Dramático Galego) e Ainé. Combinando o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, tres recoñecidos regueifeiros e músicos (Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira) traen á escena unha forma moi nosa de humor e crítica social, achegando ao público de hoxe a historia, o oficio, e o mundo desta ancestral expresión cultural. Carballo e Bergantiños son recoñecidas pola riqueza do seu patrimonio cultural inmaterial e, en particular, do oral, que forma parte da nosa identidade. En Carballo, a regueifa mantense viva cos regueifeiros tradicionais e con proxectos de revitalización.

O FIOT non pode ser alleo a explorar este Territorio Regueifa, unha inédita e ambiciosa proposta escénica que pon en valor este xénero artístico que consiste en manter unha disputa dialéctica improvisada en verso entre varios participantes e que está en consonancia co lema da edición 34 FIOT, a raíz como orixe da identidade propia e colectiva. Improvisación, humor, música, teatro e a “chispa” e espírito festivo propio da regueifa configuran un espectáculo total! O divertimento está, sen dúbida, asegurado.

  • Venres 6 de febreiro
  • 21.00 h.
  • Pazo da Cultura
  • Entrada 10€
  • Para todos os públicos
  • Duración: 75 minutos

 

ATAQUILLA.COM

Non hai campos definidos para este produto.