A web oficial do concello de Carballo

Carballo na Memoria chega a Noicela e Rebordelos para rescatar o patrimonio fotográfico da costa

16/05/2026
11:00
Centro social de Imende

O proxecto municipal Carballo na Memoria continúa o seu labor de recuperación do patrimonio inmaterial e gráfico do concello. Despois do éxito acadado en anteriores convocatorias, a iniciativa trasládase este sábado 16 de maio á zona costeira para realizar unha xornada de recollida de material en Noicela e Rebordelos.

A cita terá lugar no centro social de Imende a partir das 11:00 horas. O obxectivo é que calquera persoa que garde fotografías antigas, documentos ou recordos familiares poida
achegalos para que pasen a formar parte do gran álbum colectivo que está a construír o Concello de Carballo.

Como funciona a recollida?
As persoas que se acheguen coas súas fotografías verán como estas son escaneadas e documentadas no momento, permitíndolles levar os orixinais de volta para a casa no
mesmo instante. No caso de tratarse de gravacións de vídeo ou son, o proceso técnico require máis tempo, polo que se fará unha copia profesional e devolverase o soporte orixinal
nun prazo breve.

As imaxes recuperadas serán catalogadas e protexidas, e moitas delas formarán parte dunha nova páxina web que o Concello está a elaborar para que este legado sexa accesible a todos os cidadáns.

Dende a organización, na que colaboran activamente a comisión de festas e o consello parroquial, anímase á veciñanza a “rebuscar nos caixóns” e compartir eses momentos conxelados no tempo que axudan a explicar a historia de Noicela e Rebordelos. “Só a través das achegas veciñais é posible ir completando este puzzle de recordos individuais que conforman a nosa identidade común”, sinala a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret.

O traballo de recompilación estenderase ao longo de toda a xornada, o tempo que sexa preciso para atender todas as achegas que se presenten no centro social.

Non hai campos definidos para este produto.