A web oficial do concello de Carballo

A Regueifa levanta o pano da 34ª edición do FIOT

24/09/2025
17:30
Pazo da Cultura
O mércores 24 de setembro, ás 17.30 horas, proxectarase o avance do documental Ao son da regueifa, de Undodez, que retrata o renacer desta arte de improvisación oral tan nosa para descubrir as voces que a manteñen viva na actualidade.
 
E, xa contra ás 18.00 horas, abrimos un espazo para a conversa da man do Consello da Cultura Galega, cunha mesa redonda titulada A arte do canto improvisado, que pon o foco na regueifa, un rico elemento do noso patrimonio cultural inmaterial. 
 
Os regueifeiros e especialistas neste xénero artístico Alejo Amoedo, Domingo Blanco, Lupe Blanco e Manuel Maseda participarán nesta sesión de análise e divulgación desta expresión cultural que consiste nunha disputa dialéctica a través do canto oral improvisado en verso, e que se caracteriza polo uso creativo do humor, da música e da crítica social. Bergantiños é rico nestas manifestacións, que en Carballo aínda se manteñen vivas a través de diversos proxectos que a poñen en valor.
 
Deste xeito, a regueifa protagoniza a tarde de apertura do FIOT34 este mércores 24 de setembro, como aperitivo da ambiciosa e inédita proposta escénica ‘Territorio Regueifa’, de Ainé Producións e coproducida polo FIOT e o CDG, espectáculo encargado de inaugurar o programa de sala do festival a vindeira semana, os días 3 e 4 de outubro, no Pazo da Cultura.

Non hai campos definidos para este produto.