O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentou este mércores 1 de outubro a súa renuncia como alcalde e concelleiro, unha decisión moi meditada que “obedece a motivos estritamente persoais” e que ten moito que ver, como el mesmo dixo, coa súa recente xubilación laboral ao cumprir os 70 anos. “Pensando no mellor para Carballo, é preciso cambiar cousas para que todo siga mellorando”, argumentou.
Ás 11.00 horas asinou a súa carta de renuncia e presentouna formalmente no rexistro municipal acompañado por todos os membros do grupo municipal agás Xosé Regueira, a quen Evencio Ferrero escusou porque, debido ás súas obrigas como vicepresidente da Deputación da Coruña, atópase de viaxe en Portugal. Tamén estivo arroupado polo persoal de libre designación que traballa cóbado con cóbado xunto ao goberno municipal.
O alcalde fixo pública a súa decisión tras comunicarlla, a noite anterior, á militancia do BNG, e a mesma mañá deste mércores, a todo o persoal municipal, a quen agradeceu expresamente o traballo realizado e o apoio recibido ao longo destes 22 anos na Alcaldía.

Evencio Ferrero, que é o membro máis antigo da corporación, da que forma parte desde 1979, deixará formalmente de formar parte dela no pleno extraordinario que se celebrará este sábado 4 de outubro, ás 12.00 horas. Unha semana despois terá lugar outra sesión extraordinaria para proceder á elección do novo alcalde. O candidato do BNG será Daniel Pérez López, concelleiro de Deportes e Participación Veciñal, ademais de deputado autonómico.
O posto que quedará vacante na corporación non será ocupado por Begoña Moscoso, que figuraba no número 14 da candidatura do BNG e que hoxe mesmo presentou tamén a súa renuncia a ocupar o cargo, polo que quen se incorporará ao grupo municipal será o número 15 da lista nacionalista, Daniel Barreiro Quintáns.
No vídeo podedes ver un resumo da mañá.