Un total de 13 propostas, entre representacións e actividades paralelas, conforman o apetecible menú do FIOT para a terceira semana de programación da súa 34ª edición. Para abrir boca, a compañía Chicharrón Circo Flamenco visita por primeira vez o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo coa estrea en Galicia da sorprendente Empaque, unha viaxe emocional que entrelaza circo, flamenco e humor e que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura mañá xoves, 9 de outubro, ás 21.00 horas. Pola súa banda, El Patio Teatro regresa ao FIOT este domingo 12 de outubro, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura, coa súa última creación, Entrañas, unha deliciosa, sofisticada e conmovedora peza de teatro de obxectos que explora o propio corpo.
Pola súa banda, a Rúa dos Contos presentará dous novos espectáculos: Ta de ser, de Afundin Jamallos, o venres 10, ás 23.00 horas, no Patacón; e Aquí… Supercentráu, de Joaquín Pajarón, o sábado 11, ás 23.00 horas, no Mercado Municipal. Ademais, en colaboración con Circo a Escena, a compañía vasca GANSO & Cía. aterra no Teatro de Rúa do FIOT este venres 10 de outubro, ás 19.30 horas, na Praza do Concello, para deleitar a públicos de todas as idades con Welcome & Sorry, unha loca revisión de Shakespeare en clave de comedia xestual e clown contemporáneo
Paralelamente, o Programa de Sala deste #FIOT34 pisa forte esta fin de semana coa estrea en Galicia de Adolescencia infinita, de Pont Flotant (venres 10 de outubro, ás 21.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura) e o descubrimento do mundo máxico de máscaras, actores e bonecos da Cía. Campi Qui Pugui, que nos achegará Matres o sábado 11 de outubro, a partir das 20.00 horas. A mesma velada do sábado 11, antes da representación de Matres, o Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá a gala de entrega do premio Xograresa de Outono 2025 a Areta Bolado, da compañía A Panadaría.
Por outra parte, o sábado 11, unha das formacións referentes da escena contemporánea española, Titzina, regresa ao FIOT para presentar a lectura dramatizada do seu novo espectáculo en cernes, da man dos seus creadores Diego Lorca e Pako Merino, nunha actividade aberta a todos os públicos, con entrada de balde ata completar a capacidade da sala, que terá lugar a partir das 12.00 horas no Salón Social do Pazo da Cultura.
Certame de micro escenas M2
Este sábado, 11 de outubro, bota a andar, tamén, a VIII edición do Certame de Micro-Escenas M2, coa representación das creacións Domitila, de Amparo Martínez, e Katharsis, de Catuxa Leira, ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas, en Interfilm Carballo e no Pazo da Cultura, respectivamente.
Xa o domingo 12, pola mañá, o FIOT propón un dobre plan en horario matutino: a ruta de senderismo Baldaio-Razo, da man de Senda Nova, desde ás 09.15 horas, e a función do FIOT en Ruta Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, de Mariña Lestón, ás 12.30 horas, na zona do parque infantil da Praia de Razo.
Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz. As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.