O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, afronta a súa sexta e última semana de programación coa que será a despedida dunha 35ª edición marcada pola diversidade de linguaxes, a presenza de grandes nomes da escena e o apoio á creación contemporánea. Do xoves 29 ao sábado 31 de outubro, o festival reunirá dúas propostas destacadas: Disección de la bondad en tres actos, da compañía Titzina, que iniciará en Carballo a xira estatal da súa nova montaxe, e La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, a estrea en Galicia do novo espectáculo de Rafael Álvarez, El Brujo.
A recta final do FIOT comezará este xoves cun encontro de Titzina con Daniel Galindo, xornalista cultural e director do programa La Sala, de RNE, no marco de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas. Será ás 2000 horas, no pazo da Cultura de Carballo. O venres, a compañía catalana presentará no Auditorio do Pazo da Cultura a súa nova creación, ás 21.00 horas, unha farsa en tres actos que explora os mecanismos da bondade, o engano e a construción da verdade. O sábado 31 ás 20.00 horas, será a quenda de El Brujo, que pechará o Programa de Sala cun monólogo no que dialogan os evanxeos, a filosofía oriental e a tradición do ioga. A programación completarase cun novo espazo de encontro entre público e compañía e coas exposicións que acompañaron esta edición. Paralelamente, o FIOT acollerá una nova actividade sectorial no marco de festival: una reunión da comisión artística da Rede Galega de Teatros no FIOT, que levarase a cabo en Carballo o venres 30, convocada pola Agadic, coa participación da directora artística do FIOT Carmen Castro, integrante da comisión.
Titzina regresa ao FIOT con “Disección de la bondad en tres actos“
A compañía catalá Titzina, referente dunha creación escénica construída a partir da investigación da realidade e dunha mirada poética sobre o comportamento humano, chegará ao FIOT o venres 30 de outubro, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, con Disección de la bondad en tres actos. A montaxe, que se estrea en Galicia, marca o inicio da xira do novo espectáculo da compañía, que regresa a Carballo despois de que o público do festival puidese achegarse ao seu proceso creativo na pasada edición a través dunha lectura dramatizada.
A obra presenta unha farsa en tres actos arredor da cambiante natureza da verdade. Un mago e o seu axudante recorren a métodos cada vez máis disparatados para cobrar a pensión dunha nai falecida; un agricultor manipula a súa memoria para conseguir unha indemnización millonaria; e un defraudador encantador, que vive baixo múltiples identidades, saquea o seu contorno máis próximo. Tres historias nas que a realidade e a ficción se confunden e nas que os personaxes desafían os límites entre o que aconteceu, o que lembran e o que están dispostos a facer crer.
Fieis ao seu inconfundible estilo, Diego Lorca e Pako Merino constrúen unha viaxe escénica que combina investigación, ironía e poesía para interrogar o público sobre a memoria, a identidade, a mentira e a verdade. A proposta deixa abertas máis preguntas das que resolve e invita a observar ata que punto a bondade, a honestidade e a propia versión dos feitos poden transformarse segundo as circunstancias.
A creación, dirección e interpretación corresponden a Diego Lorca e Pako Merino, con dramaturxia de Lorca, escenografía de Luis Crespo, vestiario de Sergi Cerdán, deseño de iluminación de Jordi Thomàs e música e espazo sonoro de Arnau Obiols.
Estrea en Galicia do último espectáculo de El Brujo
O sábado 31 de outubro, ás 20.00 horas, Rafael Álvarez, El Brujo, será o encargado de pechar a programación escénica da 35ª edición do FIOT con La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, unha proposta que chega por primeira vez a Galicia e que combina humor, palabra, xesto, improvisación, música en directo e reflexión espiritual.
Poucos intérpretes son capaces de converter un escenario baleiro nun universo enteiro. Desde a súa longa experiencia sobre as táboas e a súa conexión directa co público, El Brujo revisita a figura de Xesús desde unha perspectiva pouco habitual, poñendo en diálogo os evanxeos coa filosofía oriental e a tradición do ioga. O espectáculo abre así un espazo para as grandes preguntas sobre a conciencia, a espiritualidade e a condición humana, sen renunciar ao humor nin ao carácter festivo do teatro.
A proposta bebe da tradición dos antigos xograres e da influencia de Dario Fo, combinando reflexión e comicidade nun monólogo no que a palabra, o xesto e a improvisación constrúen un universo escénico propio. A música en directo, a cargo de Javier Alejano, completa unha experiencia que invita a mirar desde outro lugar unha figura esencial da tradición cultural e espiritual.
Rafael Álvarez asume a interpretación, a creación e a dirección do espectáculo, acompañado pola composición musical e a interpretación en directo de Javier Alejano. A montaxe propón unha aposta arriscada na que o coñecemento, a risa e o xogo escénico conviven para celebrar o poder transformador do teatro.
As exposicións acompañan a despedida do festival
Durante os tres últimos días do FIOT35, o público poderá visitar no Pazo da Cultura as exposicións Zoom FIOT 2025 e Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, abertas de 17.00 a 21.00 horas. A primeira recupera a memoria visual da pasada edición do festival a través das imaxes que documentan espectáculos, artistas e momentos compartidos co público. A segunda rende homenaxe a Manuel Lourenzo, figura fundamental do teatro galego contemporáneo, e convida a descubrir a pegada artística e humana dun creador que marcou varias xeracións da escena galega.
Estas propostas expositivas prolongan o espírito do FIOT máis alá das funcións e reivindican a memoria teatral como parte esencial da vida cultural de Carballo e de Galicia.