A web oficial do concello de Carballo

Descubre aquí a programación da Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística arredor do Día do Libro

A Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística ten preparada unha ampla e variada programación para celebrar o Día do Libro. Como vén sendo habitual, arredor do 23 de abril desenvólvese a Semana do Libro e a Lectura, que acada a maioría de idade cunha chea de propostas didácticas, divertidas e diversas coas para seguir animando á lectura á poboación en idade escolar. Anota na axenda o 14 de abril, porque ese día presentaremos o programa completo.

Pero o obxectivo da área que dirixe Ángeles Pacoret é achegar o libro a toda a sociedade, e con esa finalidade desenvólvense ao longo de todo o ano os clubs de lectura para nenos/as, adolescentes e adultos/as; sesións de contacontos, rutas literarias, soltas de libros, obradoiros… O 23 de abril imos ofrecer unha escolma de todas esas propostas para que toda a cidadanía poida conmemorar o Día do Libro.

  • Obradoiros de estarcido, con Lorena Caneira. Público adulto en xeral. Escolas do Xardín Agra de Caldas | 10.00 e 12.00 h. Inscricións: bibliotecacarballo@carballo.gal
  • Lemos o que nos peta, con María da Pontragha. Escolle o texto que máis che guste e participa nunha lectura colectiva en público. Todos os públicos. Escolas do Xardín Agra de Caldas | 16.30 h. Entrada libre
  • Tarde de contos en familia, con Cris de Caldas. Para familias con nenos/as de 0 a 3 anos. Biblioteca Rego da Balsa | 17.00 e 18.30 h. Inscricións: snl@carballo.gal
  • Entrega de premios do Certame Poesía do Revés. Para todos os públicos. Biblioteca Rego da Balsa | 19.30 h. Entrada libre
  • De ruta polo Mapa Literario de Carballo con Hadrián García. Público adulto e nenos/as maiores de 10 anos. Saída do Museo de Bergantiños | 17.30 h. Inscricións: 981 758 580 – 981 704 041

E o xoves 24, solta de libros coincidindo co mercado semanal. Achégate á rúa Coruña e recolle o teu.