Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresa ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegará a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.
Así, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.
Nesta 34ª edición, o FIOT volverase converter no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación. No FIOT haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.
“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. As entradas para a Rúa dos Contos deste #FIOT34 estarán dispoñibles a partir do 12 de setembro, mentres que o público xeral poderá adquirir os seus bonos e entradas soltas para o resto de funcións do Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta e FIOTiño a partir do 19 de setembro na plataforma en liña Ataquilla.com.
O Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acolleuo xoves 4 de setembro a presentación oficial deste 34º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Durante o acto, tivo lugar a representación –aberta a todos os públicos, con entrada de balde– do espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza Un baile ceibe. Na presentación participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT e presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a concelleira de Cultura e Festas de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo, que estiveron acompañados por socios de Telón e Aparte, voluntarios do FIOT, entidades colaboradoras, produtoras, compañías e artistas participantes, grupos socioculturais de Carballo e medios de comunicación.
Raíz viva, memoria colectiva
Hai raíces que non se ven, pero se senten. Nacen de dentro das entrañas, do que fomos e do que levamos gardado sen sabelo. Nesta 34ª edición, o FIOT convida a mirar cara ao interior, a recoñecer a forza do que nos sostén: a tradición, a memoria e a orixe. Pero sempre, cunha mirada contemporánea cara o presente e o futuro. O leitmotiv desta nova edición, a número 34, do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, “raíz viva, memoria colectiva”, é unha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte da nosa estrutura profunda. Este festival explora esa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.
Pero para o #FIOT34, a raíz non é só o punto de partida, senón unha rede que medra en moitas direccións; un espazo compartido que poñer en valor, para entender a orixe, para evolucionar, explorar e medrar. Neste 2025, o FIOT avoga pola posta en valor a tradición, a orixe e a raíz como símbolo da nosa rica e potente identidade. As autoridades presentes esta tarde no acto de presentación do programa coincidiron en destacar ao FIOT “como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico”. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou o feito de que o auditorio do Pazo da Cultura estivera cheo para a presentación, o que para a organización é “unha ilusión e un orgullo”. O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ademais de falar da calidade do festival, quixo aproveitar a visibilidade do acto para pedir a fin do xenocidio que está acontecendo a pouca distancia de nós, pedíndolle ao público que non se esqueza de Gaza.
Pola súa banda, o director do festival, Alberto Sueiro, puxo en valor “o regreso do ‘corazón do teatro en Galicia’, porque no FIOT conflúen artistas, públicos, xeracións e linguaxes. Porque desde Carballo, este festival soubo latexar ao ritmo de Galicia e proxectarse ao mundo. E porque cada edición é un acto de amor ao teatro, á cultura e á nosa xente”. Sobre a raíz que fai de fío condutor do programa, Sueiro apuntou: “a memoria colectiva é o tecido que nos une como comunidade, que nos lembra que o teatro non é só unha arte, senón un espazo de encontro, diálogo e transformación”.
Sobre as cifras do FIOT34, con 45 espectáculos, o “FIOT máis grande da nosa historia”, o director quixo destacar, tamén, que “estes datos son o reflexo dun esforzo colectivo, dunha programación diversa e dunha aposta firme pola calidade e a diversidade, combinando o mellor das nosas raíces con propostas innovadoras que miran ao futuro. Queremos que cada espectador, ao saír dunha función, sinta que viviu algo único”. E, finalmente, concluíu: “O teatro é raíz e é vida. É memoria e é presente. E este ano, máis ca nunca, queremos que o FIOT sexa ese lugar onde todas e todos poidamos atoparnos para sentir, pensar e soñar xuntas e xuntos. Convídovos a vivir esta edición co corazón aberto, porque o FIOT latexa por e para vós. Benvidas e benvidos ao FIOT34.”.
Un programa á altura dos grandes teatros e festivais europeos
No #FIOT34 non faltarán producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–. Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas están orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas
Matres ou Farra. Un ano máis, haberá espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes… e, en definitiva, unha invitación ao descubrimento. Un ano máis, os pratos fortes serviranse no Programa de Sala:
- Improvisación, humor, música, teatro e o espírito festivo propio da regueifa configuran un espectáculo total, Territorio Regueifa, de Aine Producións, coproducido polo FIOT e que será a peza encargada de abrir o Programa de sala deste #FIOT34 o venres 3 e o sábado 4 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo.
- O venres 10 de outubro, tamén no pazo da Cultura, chegaralle a súa quenda a Adolescencia infinita. A través do humor, da ironía e da tenrura, música en directo e moita hormona adolescente, enerxía de festa, gritos e choros, Pont Flotant –Premio do Público do FIOT en 2022 co seu espectáculo Eclipse– pon o foco neste proceso vital cheo de luces e sombras.
- O sábado 11 de outubro, chega ao FIOT por primeira vez a premiada compañía Campi Qui Pugui, cunha bagaxe internacional de vértixe, para presentar a súa creación Matres. Actores, máscaras e bonecos crean un mundo máxico para contar unha fermosa historia sobre a maternidade e a infancia, a vida e a perda, a enfermidade e a norte, desde a ollada tenra dun neno que intenta comprender.
- Dez anos despois da súa anterior visita ao FIOT, o prestixioso arxentino mestre de actores Gabriel Chamé Buendia volve a reinventar a Shakespeare desde o humor físico e unha linguaxe escénica lúdica que recorda a mellor tradición xograresa. Será con Medida por medida, que o público do FIOT poderá ver o venres 17 de outubro no Pazo da Cultura.
- O día seguinte, o sábado 18, chega un dos imprescindibles da programación deste 2025, Un sublime error, de Needcompany, una poética celebración da vida da man de dous sublimes artistas: o innovador director Jan Lauwers, un dos grandes nomes da escena contemporánea europea, e o impecable e reputado actor Gonzalo Cunill.
- Xa o domingo 19, o FIOT propón unirse á Farra e que públicos de todas as idades gocen co espírito de experimentación e co risco do artista multidisciplinar Lucas Escobedo, que se aliou coa Compañía Nacional de Teatro Clásico para fundir o circo, o teatro, a música en directo e o humor co verso e a tradición barroca. Ademais de colleitar éxitos nos escenarios de toda España, este traballo foi recoñecido co Max ao Mellor Espectáculo Musical 2025.
- Pola súa banda, o venres 24 de outubro chega a Carballo outra das creación máis celebradas da pasada temporada en España,14.4, na que o director e dramaturgo Sergio Peris-Mencheta, en colaboración con outro referente do teatro actual como Juan Diego Botto, constrúen un relato de migración, soños e supervivencia, cunha linguaxe sobria e realista, pero á vez lírica e poética, que nos encollerá o corazón.
- En Yo solo quiero irme a Francia (sábado 25 de outubro, no Auditorio do Pazo da Cultura), catro mulleres de diferentes xeracións buscan ese lugar que tanto anhelan: a liberdade. O espectáculo está protagonizado por María Galiana, grandísima actriz de cine e de teatro, gañadora dos máis importantes premios, como o Goya ou Mérito a las Bellas Artes do Ministerio de Cultura. Xunto a ela, subiranse ás táboas Nieves de Medina, Alicia Armenteros e a galega Ledicia Sola. Esta función inicia a xira desta nova aventura dunha das produtoras galegas máis sólidas, Contraproducións.
- E, para botar o pano do Programa de Sala o venres 31 de outubro, teremos a Vulcano. Con moito humor e cun formato de thriller e investigación criminal, a peza é o resultado do encontro entre as miradas de dúas puxantes figuras da escena contemporánea española, a dramaturga Victoria Szpunberg e a directora Andrea Jiménez, que, na procura dun teatro vivo, realizaron un proxecto de creación colectiva que contou coa coprodución do Centro Dramático Nacional. Na anterior edición do FIOT, o público recoñeceu no espectáculo Casting Lear a renovadora linguaxe escénica de Andrea Jiménez, que agora regresa para pechar o noso programa.
Pero haberá moito máis teatro, circo, danza, humor e creación no FIOT. No OTNI e no Teatro de Rúa, haberá espazo para as linguaxes híbridas, arriscadas e sorprendentes, a cargo de premiadas formacións ás que non perder a pista, como Xampatito Pato, Chicharrón Circo Flamenco, El Patio Teatro, Cía. CAÍ, Pistacatro, GANSO & Cía ou Paula Quintas. Tamén, o mellor humor galego e nacional regresará á Rúa dos Contos do FIOT, con Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez, Bea Campos, Joaquín Pajarón ou Alex O’Dogherty, entre moitos outros. Nos faltarán, tampouco, as propostas de rúa máis máxicas e sorprendentes, con acrobacias, música, teatro físico… para toda a familia. E, tamén, creacións de microteatro para espazos non convencionais do xa tradicional e pioneiro Certame Micro-escenas M2, ademais dunha vintena de actividades de mediación no programa En paralelo do FIOT.
Xograresa de Outono
Así mesmo, a velada do sábado 11 de outubro terá lugar a entrega da Xograresa de Outono do FIOT, que este ano recaeu en Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría Neste 2025, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar á actriz, dramaturga e directora, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas”.
O xurado remarcou, tamén, “a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión”. Areta Bolado –cuxos espectáculos xunto á compañía A Panadaría foron tan celebrados nas súas visitas ao Pazo da Cultura de Carballo– recollerá o seu galardón no Pazo da Cultura, collendo o relevo do actor e narrador Avelino González, premiado en 2024.





@culturacarballo #34FIOT 🎭 | Aquí vos deixamos algúns dos momentos destacados que deixou a presentación do @fiotcarballo, que contou co espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza con Aida Tarrío, Mondra, Cristina Canosa, Fran Sieira e integrantes das agrupacións de Baile tradicional de Carballo. Do 25 de setembro ao 1 de novembro agárdanos unha tempada de teatro apaixonante. Non a perdades! #culturacarballo #carballo #fiot
♬ sonido original – Cultura Carballo
@fiotcarballo Presentamos o #FIOT34 coa peza ‘Un baile ceibe’ de Fran Sieira Danza. ℹ️ fiot.gal @Cultura Carballo #teatro #carballo #cultura #danza
♬ 机械键盘打字 – unknown