O Fórum Carballo acolleu este xoves a XIX Feira de Emprego Talento Xove da Cámara de Comercio da Coruña, na que participaron arredor de 200 mozos e mozas, que tiveron a oportunidade de contactar con 29 empresas con máis de 120 procesos de selección abertos.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, participou no acto de inauguración xunto coa vicepresidenta segunda da Cámara de Comercio da Coruña, Luz Pardo.
O rexedor destacou na súa intervención a importancia de iniciativas que faciliten o contacto directo entre a mocidade e o tecido empresarial. “Espazos como esta feira permiten coñecer empresas, falar cos seus responsables e descubrir que perfís profesionais están a demandar neste momento”, sinalou.
Daniel Pérez subliñou tamén o compromiso do Concello co emprego xuvenil. “Queremos que a nosa mocidade teña oportunidades, que poida formarse, medrar e desenvolver aquí o seu proxecto de vida”, indicou.
Na feira participaron empresas como APECCO, Arce Clima, Axober, Carrefour, Citanias, Commcenter, Dia Group, El Corte Inglés, Espazo Nature, Eulen Flexiplan, Fridama, Fuerzas Armadas, Gadisa, Genesal Energy, Grupo Aluman, Grupo Atlante, Grupo Externa, Grupo Gestán, Grupo Nortempo, Grupo Temporing, Integra Cee, Inusual, Jardanay, LN Consultores, Nauterra (Grupo Calvo), Nordés Ancín, Polígono de Carballo e Vegalsa-Eroski.
Os procesos de selección abertos abranguen perfís profesionais de ámbitos moi diversos, como administración e xestión, comercio e marketing, edificación, electricidade, fabricación mecánica, hostalería e turismo, loxística ou transporte, entre outros.
Ademais do contacto directo coas empresas, a feira incluíu talleres sobre estratexias para participar en procesos de selección e un servizo de asesoramento laboral. Durante toda a xornada estivo tamén dispoñible un espazo informativo da Bolsa de Emprego do Concello de Carballo.





