A web oficial do concello de Carballo

Daniel Pérez asistiu á presentación da etapa coruñesa do Gran Camiño 2026, que unirá a tradición ciclista de Carballo e Padrón

A terceira etapa do Gran Camiño 2026 transitará pola provincia da Coruña e unirá dúas localidades de profundo peso ciclista, Carballo e Padrón. Así o avanzou o director da proba e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, nun acto que serviu para ratificar, un ano máis, a inestimable aposta da Deputación da Coruña pola gran rolda galega e que tivo lugar nun lugar emblemático da localidade padronesa como é a Casa Museo Rosalía de Castro.

Será o 16 de abril cando o pelotón internacional do Gran Camiño, con primeiros espadas deste deporte, rode polas estradas coruñesas. Unha cita esperada por afeccionados galegos e de fóra das nosas fronteiras que, nesta ocasión, transitará entre Carballo e Padrón, algo que o responsable da proba cualificou de “un orgullo”.

Ezequiel Mosquera destacou durante o acto que o ciclismo ten un peso social moi relevante en ambas as localidades. Máis en detalle, lembrou que Carballo ten “moita tradición” ciclista e que este deporte conta alí con “un gran peso social e moito arraigamento” a través dos seus clubs. “E Padrón respira ciclismo polos catro costados”, resumiu o CEO de EME Sports, destacando que esta localidade coruñesa dispón de “un club referente e patrocinadores referentes” neste deporte. De feito, recoñeceu que esta era unha débeda pendente: “Xa tardaba o feito de vir a Padrón”, engadiu.

Ademais, e sen entrar a desvelar os detalles e sorpresas que garda este ano o percorrido, que se desgranarán proximamente, Ezequiel Mosquera volveu reivindicar que O Gran Camiño constitúe, ademais dunha proba plenamente consolidada e atractiva a nivel internacional, un evento que vai “máis alá do ciclismo”. “Ademais de ciclismo, é vender a nosa terra e é historia, é sobre todo historia de Galicia”, apuntou, eloxiando a súa vinculación co Camiño de Santiago.

No acto deste venres participaron os alcaldes de Carballo e Padrón, así como os concelleiros de Deportes dos dous concellos e o deputado da área da Deputación da Coruña, Antonio Leira.

O rexedor carballés, Daniel Pérez, destacou a “potente afección” ciclista que existe na localidade e considerou que, precisamente, esta etapa é “un recoñecemento” para todos aqueles que “cada día contribúen a facer deste un deporte de primeiro nivel” no municipio.