Resumo do Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música e da Circular 4/2008 pola que se regulan as probas de acceso ao grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música.
Requisitos e proba de acceso ao 1º curso do grao elemental
1. Para acceder ás ensinanzas de grao elemental de música será requisito imprescindible superar unha proba específica de acceso, que garante os principios de igualdade, mérito e capacidade.
2. O procedemento de acceso ao primeiro curso de grao elemental atenderá exclusivamente á avaliación das aptitudes musicais das persoas aspirantes e á idade idónea para iniciar os seus estudos nas especialidades instrumentais. En todo caso, a idade mínima de acceso será de oito anos e a máxima de catorce anos, cumpridos ou por cumprir dentro do ano natural.
3. A proba para avaliar as aptitudes musicais incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:
a) Exercicio para avaliar a aptitude rítmica.
b) Exercicio para avaliar a aptitude auditiva e vocal.
c) Exercicio para avaliar a aptitude psicomotriz.
4. A realización destes exercicios efectuarase de xeito que ningún deles teña carácter eliminatorio. A valoración realizarase considerando tanto cada un dos aspectos sinalados no punto anterior como o conxunto da proba globalmente.
Así mesmo, o centro poderá contemplar no seu procedemento de acceso unha ponderación en relación á idade dos aspirantes.
5. Os aspirantes serán convocados para a proba nun único chamamento, e excluirase dela quen non compareza. Non obstante, poderanse considerar os casos de forza maior, debidamente xustificados e apreciados polo tribunal, para os efectos dun posterior chamamento. A non asistencia á proba suporá a perda da correspondente convocatoria.
Cualificación da proba de acceso ao 1º curso do grao elemental
As puntuacións definitivas obtidas polo alumnado nas probas de acceso a calquera dos cursos do grao elemental axustaranse á cualificación numérica de 1 a 10, ata un máximo dun decimal. Cumprirá obter, como mínimo, a cualificación de cinco puntos para superar a proba.
2. A superación da proba de acceso faculta exclusivamente para matricularse no curso académico en que fose convocada.
3. As puntuacións definitivas obtidas na proba de acceso serán as que determinen a matriculación do alumnado.
4. Se o número de solicitantes é superior ao de prazas ofertadas, a adxudicación destas realizarase por orde de puntuación na proba de acceso. Os centros poderán establecer unha lista de suplentes por orde de puntuación acadada co obxecto de cubrir posibles baixas.
5. A obtención dunha das prazas ofertadas dá dereito a matricularse no correspondente curso académico no centro no que se realizou a proba de acceso.
6. Non obstante, o alumnado que unha vez superada a proba e formalizada a matrícula nun centro solicitase posto escolar noutro, por traslado de matrícula viva, non terá que realizar novamente a proba de acceso no centro de destino.
7. As cualificacións obtidas nestas probas, deberán facerse públicas no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web do concello de Carballo, respetando en todo caso a privacidade dos aspirantes.
Acceso a outros cursos
Poderase acceder a calquera outro curso do grao elemental sen ter superados os anteriores, sempre que se supere a correspondente proba. En calquera caso, o acceso a outro curso do grao elemental estará supeditado á existencia de prazas vacantes na especialidade solicitada.
2. Estas probas avaliarán, ademais das aptitudes e da idade idónea, a capacidade e os coñecementos dos alumnos e das alumnas para continuar os estudos nas especialidades instrumentais para as que se solicite a praza.
3. En todo caso, para o acceso aos cursos do grao elemental a idade mínima de acceso será de oito anos e a máxima de catorce anos, cumpridos ou por cumprir dentro do ano natural.
4. En todas as especialidades as probas constarán de dous exercicios, que terán carácter eliminatorio e consistirán en:
a) Interpretación, no instrumento da especialidade a que se opte, de dúas obras de libre elección e unha obra ou exercicio a primeira vista proposto polo tribunal.
b) Exercicio teórico-práctico para avaliar a capacidade auditiva e vogal, así como os coñecementos de linguaxe musical.
5. Para concorrer ás probas de acceso, naquelas obras que así o requiran, os aspirantes deberán aportar os seus músicos acompañantes.
6. Os aspirantes presentaranse ás probas con partituras orixinais, non aceptándose fotocopias das mesmas para o exame.
Cualificación da proba de acceso ao outros cursos do grao elemental
Cada un dos exercicios do apartado anterior puntuarase de 1 a 10 puntos. Necesitarase un mínimo de 5 puntos en cada un deles para considerar a cualificación como positiva. Unha vez superados os dous exercicios, procederáse ao cálculo da media ponderada, que se axustará ás seguintes porcentaxes:
a) Interpretación instrumental: 60%
b) Exercicio auditivo, vogal e de linguaxe musical: 40%
2. A puntuación final media, así calculada, será como mínimo de 5 puntos para poder superar a proba.
3. Se o número de solicitantes é superior ao de prazas ofertadas, a adxudicación destas realizarase por orde de puntuación na proba de acceso.
Os centros poderán establecer unha lista de suplentes por orde de puntuación acadada co obxecto de cubrir posibles baixas.
4. A obtención dunha das prazas ofertadas dá dereito a matricularse no correspondente curso académico no centro no que se realizou a proba de acceso.
5. Non obstante, o alumnado que unha vez superada a proba e formalizada a matrícula nun centro solicitase posto escolar noutro, por traslado de matrícula viva, non terá que realizar novamente a proba de acceso no centro de destino.
6. As cualificacións obtidas nestas probas, deberán facerse públicas no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web do concello de Carballo, respetando en todo caso a privacidade dos aspirantes.
Procedemento para a reclamación das cualificacións das probas de acceso:
1. O interesado ou interesada ou os seus representantes legais poderán reclamar ante a dirección do centro, nun prazo de 5 días, contra as cualificacións da proba de acceso, cando consideren que a cualificación se outorgou sen a obxectividade requirida debido á:
a) Inadecuación da proba proposta en relación cos obxectivos e contidos da materia sometida a avaliación e co nivel previsto na programación polo órgano didáctico correspondente.
b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos nas probas de acceso.
2. No suposto de reclamación contra as cualificacións da proba de acceso, o director ou directora do centro resolverá o que proceda logo de sometelas ao tribunal correspondente, que poderá ratificarse na cualificación outorgada ou estimar a procedencia de rectificar a cualificación reclamada.
3. No suposto de desestimación da reclamación, o interesado ou interesada poderá instar para que a dirección lle remita o expediente á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que, logo do informe do Servizo Provincial de Inspección Educativa, ditará a resolución procedente.
4. Co obxecto de evitar atrasos na resolución das reclamacións que puidesen prexudicar aos interesados, deberán observarse os seguintes prazos:
a) O director ou directora resolverá a reclamación presentada no prazo de cinco días naturais.
b) No caso de ter que enviar o expediente á delegación provincial, tramitarase no prazo de 48 horas.
c) O delegado ou delegada provincial resolverá no prazo máximo de 10 días naturais, desde a entrada do expediente na delegación provincial.
5. Contra a resolución do delegado ou delegada provincial poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.