A web oficial do concello de Carballo

Compostela, Panorama City, Los Satélites e La Última Legión: as verbenas do San Xoán convidan a bailar!

A comisión de festas presenta un avance do cartel musical para as verbenas do San Xoán, unha programación deseñada para chegar a todos os públicos e a todos os gustos. Este ano o calendario combina a elegancia das formacións históricas coa potencia visual dos espectáculos de última xeración.

Aínda que a programación festival, como é habitual, estenderase ao longo de todo o mes de xuño, a primeira verbena será o martes 23 de xuño, na emblemática Noite de San Xoán. A orquestra Compostela será a encargada de poñer a música nunha das citas máis agardadas do ano, e de facer mover ao público co seu recoñecido repertorio de baile. A xornada completarase coa actuación de Señora Dj, que aportará un toque contemporáneo e festivo para prolongar a celebración ao da gran cachela popular na zona do Rego da Balsa.

O mércores 24 de xuño, festividade de San Xoán, o protagonismo será para a Panorama City. Esta formación, referente do espectáculo de gran formato, traerá a Carballo unha posta en escena caracterizada pola innovación técnica e un repertorio centrado nos grandes éxitos do pop e o baile, que garante unha noite de máxima enerxía e convértese no complemento perfecto para o concerto de Baiuca.

O xoves 25 de xuño, o programa musical elevará o nivel coa presenza dunha das institucións máis respectadas de Galicia: a orquestra Los Satélites. Coa súa impecable sección de ventos e o seu estilo inconfundible, os coruñeses compartirán escenario con La Última Legión. Esta última formación, moi vinculada ao gusto local, ofrecerá un directo centrado no pop-rock nacional, con versións de clásicos que convidan á participación de todas as xeracións.

Desde a organización convídase a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar dunha programación variada que pretende dinamizar a economía local e manter viva a esencia das nosas celebracións máis importantes.