A web oficial do concello de Carballo

Comezaron os campamentos de verán nos que a rapazada de 9 a 17 anos vai mellorar as súas competencias dixitais

Despois da boa acollida que tiveron o ano pasado, este verán duplicamos a oferta de campamentos dixitais en colaboración coa Fundación Esplai. Hoxe comezou na Aula CeMIT o primeiro dos catro campamentos do proxecto CRI-TIC que se desenvolverán ata finais de agosto, e que teñen como obxectivo mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, deron a benvida aos primeiros participantes, e animáronos a aproveitar as vacacións de verán para seguir formándose dun xeito lúdico.

Os grupos teñen un máximo de 12 participantes e están establecidos do seguinte xeito: do 1 ao 10 de xullo, do 14 ao 23 de xullo e do 18 ao 27 de agosto, para nenos/as de 9 a 13 anos, e do 4 ao 13 de agosto, para adolescentes de 14 a 17 anos. Para este último aínda quedan prazas. As inscricións deben realizarse a través da plataforma dixital da Aula CeMIT. As persoas que aínda non estean dadas de alta ou teñan dificultades para realizar o trámite poden achegarse ata as oficinas municipais do Fórum Carballo (2º andar) previa cita no 981 709 011.

En todos os casos, o horario do campamento é de 10.00 a 14.00. Ao longo da formación, os/as participantes abordarán os seguintes contidos:

  • Uso responsable e consciente da tecnoloxía e RRSS
  • Fake News: fiabilidade da información
  • Programación e robótica educativa
  • Intelixencia Artificial (IA) e Creatividade Dixital
  • Ciberseguridade e prevención do ciberacoso
  • Realidade aumentada e realidade virtual
  • Actividades lúdicas e lecer saudable

O obxectivo destas actividades, deseñadas e impartidas pola Fundación Esplai, é pechar a fenda social dixital dotando de competencias dixitais a nenos, nenas e adolescentes de 9 a 17 anos. Cada participante completará un itinerario formativo de 30 horas, ao remate das cales recibirá un diploma acreditativo.