A web oficial do concello de Carballo

Comezan as obras de reurbanización integral da rúa Compostela, financiadas pola Deputación da Coruña con máis de 200.000 euros

Este xoves, 14 de maio, comezarán as obras de reurbanización integral da rúa Compostela, no treito comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruce coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo, cun proxecto que permitirá mellorar a accesibilidade, renovar as infraestruturas urbanas e crear un espazo público máis amable e funcional para a veciñanza.

A actuación, financiada pola Deputación da Coruña cun orzamento de 211.266,61 euros, responde á estratexia municipal de posta en valor do espazo urbano e de promoción dunha mobilidade máis segura e sostible.

O proxecto inclúe a ampliación e renovación das beirarrúas, que pasarán a ter un ancho mínimo de 1,95 metros, garantindo así o cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade. Ademais, adaptaranse os pasos de peóns existentes e mellorarase a seguridade viaria no conxunto do tramo.

Tamén se levará a cabo unha profunda renovación das redes de servizos urbanos: saneamento de fecais e pluviais, canalización de telecomunicacións e iluminación pública. Estas melloras permitirán modernizar infraestruturas fundamentais e mellorar a eficiencia e a calidade dos servizos.

No ámbito da mobilidade e da humanización urbana, eliminarase a zona de aparcamento da marxe esquerda da vía e crearanse novas zonas verdes na marxe dereita, co obxectivo de xerar espazos de estancia e esparexemento para a cidadanía. O proxecto inclúe tamén novo mobiliario urbano, a plantación de árbores e a instalación de papeleiras e cubre-contedores renovados.

Por último, procederase á renovación do firme da calzada e da sinalización horizontal e vertical, mellorando deste xeito as condicións de circulación e seguridade para vehículos e peóns.

A empresa adxudicataria dos traballos é Canarga e o prazo estimado de execución será de seis meses. Durante a execución das obras, o tráfico rodado de entrada en Carballo poderá desviarse tanto por Emilio González López coma por José María Castroviejo, mentres que o de saída terá como alternativas a avenida da Milagrosa e a rúa Verdillo.

Con esta actuación, grazas ao apoio da Deputación da Coruña, continuamos avanzando na transformación urbana da vila, apostando por espazos públicos máis accesibles, sostibles e pensados para as persoas.