O goberno local de Carballo presentou hoxe os asuntos que centrarán o vindeiro pleno ordinario. O alcalde, Daniel Pérez, xunto cos concelleiros Iván Andrade, Maica Ures e Belén Lendoiro, debullaron unha folla de ruta marcada pola innovación tecnolóxica, a saúde financeira e o compromiso social.
O proxecto máis ambicioso é a licitación do contrato mixto de servizos enerxéticos e iluminación, cun orzamento de 18.597.144,67 euros para os vindeiros 15 anos. O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, destacou que Carballo volverá ser un referente: “Imos ser o primeiro concello do Estado en cambiar o noso alumeado LED por un novo LED máis eficiente, e o primeiro de Galicia en aplicar unha temperatura de cor de 2200K, moito menos contaminante”.
O plan inclúe a renovación de máis de 9.000 luminarias. Nunha aposta pola economía circular, reutilizaranse 7.700 carcasas de aluminio, cambiando só a placa LED. Este novo sistema permitirá un aforro enerxético adicional do 18%, que sumado ao acadado desde 2013, situará o aforro total preto do 90%. Ademais, o contrato inclúe:
- Zonas Starlight: na costa, a luz baixará ata os 1800K a partir de determinada hora da noite para protexer o ceo nocturno.
- Seguridade: incorporación de 10 novos pasos de peóns intelixentes e a xestión integral dos semáforos.
- Espazos sociais e turísticos: iluminación específica para vinte murais do museo de arte urbana e a creación de “parques para adolescentes” con luz vermella e mobiliario adaptado.
Outros asuntos
A concelleira de Igualdade, Maica Ures, presentou o V Plan de Igualdade (2026-2031), un documento que definiu como “vivo e transversal”. Con 55 actuacións previstas, o plan inclúe a creación dunha comisión técnica que avaliará o seu impacto cada seis meses para adaptalo á realidade social de Carballo.
No apartado de infraestruturas, o pleno aprobará a expropiación definitiva de terreos na Lagoa para a construción da cidade deportiva.
Ademais, a corporación debaterá unha moción do grupo municipal do BNG para reclamar á Xunta a gratuidade e a mellora da AG-55. “A peaxe é unha rémora constante para o desenvolvemento da comarca e un agravio comparativo tras o rescate doutras autovías en 2024”, sinalou o alcalde.
Pola súa banda, a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, deu conta da liquidación do orzamento de 2025, que amosa a “boa saúde financeira” da administración local. Cun orzamento definitivo de 44,7 millóns de euros, o Concello logrou un nivel de execución de investimentos do 80%, destinando máis de 12 millóns de euros a obras e melloras. O remanente de tesourería sitúase nos 8,9 millóns de euros.