O Pazo da Cultura de Carballo acollerá o sábado 14 de novembro a terceira edición do Encontro Médico de Bergantiños, unha iniciativa aberta á participación de toda a veciñanza que pretende poñer en valor o talento dos profesionais da medicina vinculados coa comarca, favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos e recoñecer o labor de figuras que deixaron pegada na historia sanitaria da zona. A xornada foi presentada polo alcalde, Daniel Pérez; o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, e os médicos carballeses Alejandro Ávila e Juan Carlos Díaz del Valle, impulsores e organizadores do encontro.
O programa desta terceira edición combina a participación de profesionais de diferentes especialidades, unha conferencia sobre intelixencia artificial, unha ollada á historia da medicina e unha homenaxe ao doutor José Manuel Lado Romero, que foi director do Hospital Psiquiátrico de Conxo e exerceu unha notable influencia sobre varias xeracións de médicos.
Durante a presentación, o alcalde destacou que o propio programa permite comprobar o extraordinario potencial dos profesionais vinculados con Carballo e Bergantiños, tanto dos que desenvolven aquí o seu traballo como dos que exercen noutros lugares. Daniel Pérez incidiu na importancia de dar visibilidade a ese talento, que abrangue numerosas especialidades médicas e sanitarias e que, en moitos casos, é pouco coñecido pola propia veciñanza.
O rexedor salientou tamén o valor do encontro para recoñecer a traxectoria dos profesionais da comarca e reforzar a vinculación entre a medicina, o territorio e as persoas. Nese sentido, reiterou o compromiso do Concello de Carballo coa iniciativa e agradeceu aos organizadores que sigan apostando pola vila como sede dunha cita que contribúe a proxectar o seu nome máis alá de Bergantiños, tanto no ámbito galego como no estatal.
Talento médico de Bergantiños
Alejandro Ávila e Juan Carlos Díaz del Valle, impulsores desta iniciativa, destacaron a vontade de consolidar un punto de encontro entre profesionais que comparten raíces e intereses comúns, aínda que desenvolvan a súa actividade en ámbitos e lugares moi diferentes.

A terceira edición manterá o espírito co que naceu o encontro: dar visibilidade ao exercicio da medicina na comarca, favorecer as relacións entre profesionais e descubrir o talento das novas xeracións, con presenza de especialistas que están a desenvolver carreiras destacadas nos seus respectivos campos.
Os organizadores agradeceron especialmente a implicación do Concello de Carballo e do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, que volven colaborar na celebración da xornada, así como a participación desinteresada dos relatores e moderadores.
Pola súa banda, Luciano Vidán puxo en valor a continuidade desta iniciativa e a súa relación persoal e profesional con Carballo, onde desenvolveu parte da súa actividade médica nos primeiros anos da súa carreira. O presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña lembrou con especial afecto aquela etapa e destacou a importancia de manter vivos os vínculos entre os profesionais sanitarios e os lugares nos que se formaron ou exerceron.
Da medicina de familia á intelixencia artificial
O encontro comezará ás 10.30 horas coa inauguración oficial, na que participarán o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro; o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán; a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures, e os dous organizadores.
Entre as 11.00 e as 12.30 horas desenvolverase a mesa Medicina e algo máis que medicina, presentada por Juan Carlos Díaz del Valle e moderada por Alfonso Mariño Cotelo. Nela participarán Blanca García Varela, médica de familia; Lucía Díaz Platas, radiofarmacéutica; Ignacio Iglesias Negreira, especialista en cirurxía vascular, e Huguette Persical Martínez, médica de familia.
Un dos momentos destacados chegará ás 13.00 horas coa conferencia convidada de Verónica Bolón Canedo, enxeñeira informática, profesora da Universidade da Coruña e investigadora de referencia no ámbito da intelixencia artificial.
A súa participación permitirá abrir o encontro a unha disciplina que está a transformar numerosos ámbitos da sociedade, entre eles o sanitario. Os organizadores destacaron a importancia de saír do ámbito estritamente médico para coñecer os avances tecnolóxicos que xa están a influír na práctica clínica e que terán un papel cada vez máis relevante na medicina.

Homenaxe a José Manuel Lado Romero
A terceira edición reservará un espazo especial para lembrar a figura do doutor José Manuel Lado Romero. Vinculado familiarmente con Carballo, Lado Romero desenvolveu unha destacada carreira profesional no ámbito da psiquiatría e chegou a dirixir o Hospital Psiquiátrico de Conxo. Ademais da súa traxectoria médica, os organizadores salientaron a súa dimensión humana e a influencia que exerceu sobre numerosos profesionais.
Luciano Vidán evocou durante a presentación a súa relación persoal con Lado Romero, ao que coñeceu nos inicios da súa carreira. O presidente do Colexio Oficial de Médicos lembrou o apoio que recibiu del e a relación de amizade que mantiveron, e destacou a súa capacidade para valorar non só os coñecementos e a preparación dos médicos máis novos, senón tamén a sinceridade, a espontaneidade e as calidades humanas.
O alcalde tamén quixo facer unha mención especial a este recoñecemento, pola pegada que o doutor deixou entre moitos dos profesionais que participarán na xornada, que rematará cun xantar de confraternización.