A web oficial do concello de Carballo

Carballo reivindica a Alfredo Brañas cunha exposición no Pazo da Cultura

O Pazo da Cultura acolle desde este xoves a exposición Alfredo Brañas Menéndez. XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento, unha mostra que revisa a figura do intelectual carballés e a súa influencia no pensamento político, cultural e xurídico da Galicia de finais do século XIX.

O acto de inauguración contou coa participación do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e da concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, ademais de Carmen Pomar, en representación da Fundación Alfredo Brañas, e Belén Trigo, comisaria da mostra e encargada de realizar unha interesante visita guiada pola mostra.

No acto inaugural, a concelleira de Cultura destacou a importancia de seguir achegando á cidadanía figuras fundamentais da historia e do pensamento galego. Neste sentido, subliñou que a exposición permite “achegarse á figura de Alfredo Brañas, figura clave para entender o pensamento político, cultural e xurídico da Galicia de finais do século XIX”.

Na súa intervención, lembrou tamén o vínculo especial entre Brañas e a súa vila natal. En 2000, coincidindo co centenario do seu pasamento, o pleno municipal acordou por unanimidade declaralo fillo predilecto de Carballo a título póstumo.

A súa presenza segue moi viva na vila, tamén no espazo público. A concelleira referiuse á escultura situada na rúa Coruña, diante da súa casa natal, obra do artista César Lombera, xa plenamente integrada na paisaxe urbana. “Está aí sempre: vendo pasar a xente, acompañando as feiras, os San Xoáns, a vida que segue a acontecer arredor dela”, sinalou.

Pola súa parte, o alcalde destacou o orgullo que supón para Carballo contar cunha figura como Alfredo Brañas, un intelectual que reflexionou profundamente sobre Galicia e sobre o seu papel no seu tempo. Neste sentido, sinalou que iniciativas como esta exposición permiten poñer en valor a historia local e o legado das persoas que contribuíron a construír o pensamento e a identidade de Galicia.

A mostra, promovida pola Universidade de Santiago de Compostela e coa colaboración da Xunta de Galicia, das fundacións Alfredo Brañas e Castelao e do Concello de Carballo, ofrece unha visión actualizada do legado do pensador carballés e do contexto histórico no que desenvolveu a súa obra.

A exposición, que pode visitarse no andar -1 do Pazo da Cultura ata o 12 de abril, ofrece unha nova oportunidade para coñecer e reflexionar sobre a figura dun dos intelectuais galegos máis destacados do seu tempo.