A web oficial do concello de Carballo

Carballo reforza o seu compromiso social coa proposta de adhesión á Rede de Concellos contra o Cancro

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, presentaron hoxe os asuntos que se debaterán no pleno ordinario do luns 26 de outubro, que comezará ás 20.30 horas. As cuestións sociais terán un protagonismo especial, con propostas para avanzar na tramitación do futuro edificio das entidades sociais, reforzar a colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro e reclamar á Xunta de Galicia que axilice a construción do Centro Integral de Saúde (CIS).

A corporación debaterá a delegación na Alcaldía das competencias do pleno como órgano de contratación das obras do edificio das entidades sociais de Carballo e da súa comarca. Segundo explicou o alcalde, a finalidade deste acordo é axilizar a tramitación administrativa dun equipamento que permitirá mellorar os servizos e os espazos de traballo das organizacións que atenden as persoas e familias. O proxecto conta cunha achega de 7,8 millóns de euros da Fundación Amancio Ortega para o financiamento íntegro da súa construción e equipamento.

Rede contra o cancro

Outro dos asuntos destacados será a proposta de adhesión á Rede de Concellos Contra o Cancro, impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro co financiamento da Deputación da Coruña. A iniciativa busca reforzar a prevención, a promoción de hábitos saudables, o apoio ás persoas con cancro e ás súas familias e a participación social e do voluntariado.

Maica Ures expresou o “orgullo” que supón que a Asociación na provincia da Coruña, na que está integrada a xunta local de Carballo, propuxese especificamente a incorporación do municipio.

A concelleira explicou que Carballo xa cumpre os requisitos previstos para a adhesión, coa única actuación pendente da creación dun espazo sen fume. A súa localización xa está definida nun ámbito da zona urbana, que será acondicionado para esta finalidade. Esta medida permitirá completar as condicións para a incorporación á rede e avanzar na creación de contornas máis saudables.

Financiamento e un calendario para o CIS

O terceiro gran asunto social será a moción do BNG para reclamar unha dotación económica nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2027 e un calendario de execución do Centro Integral de Saúde.

Daniel Pérez insistiu en que o Concello xa realizou todas as actuacións que lle correspondían para facer posible esta infraestrutura e que agora é a Xunta a que debe axilizar a súa construción. A administración municipal completou a urbanización da parcela e tramitou a cesión dos terreos, cuxa aceptación foi autorizada polo Consello da Xunta o pasado 18 de maio.

O alcalde reclamou que ese traballo municipal teña continuidade cun impulso efectivo por parte da administración autonómica, mediante financiamento e prazos concretos que permitan avanzar nun equipamento sanitario necesario para Carballo e a comarca.

A orde do día inclúe tamén un recoñecemento extraxudicial de créditos por algo máis de 9.000 euros, a aprobación da estrutura de custos do servizo de mantemento das instalacións de protección contra incendios e os apartados de control da actividade municipal, rogos e preguntas.