A web oficial do concello de Carballo

Carballo reforza a súa aposta polo colector marrón con novas accións de información e concienciación cidadá a partir do xoves 20 de novembro

Desde o Concello de Carballo queremos adaptarnos aos novos criterios de xestión de residuos que nos indican tanto desde Europa como desde a propia Xunta de Galicia. Case a metade do lixo que producimos nas nosas casas é materia orgánica, e por iso, para cumprir coa lexislación vixente, é moi importante reforzar a nosa aposta pola separación e reciclaxe destes residuos.

O colector marrón que ten como uso exclusivo a recollida de residuos orgánicos (ou quinta fracción) chegou hai tempo ó concello de Carballo. Este depósito ten a particularidade de estar pechado coa finalidade de concienciar á veciñanza da importancia da separación da materia orgánica que xeramos a diario. O goberno municipal fai un chamamento aos veciños e ás veciñas para que se sumen ao voluntariado marrón e se acheguen ao punto de información a recoller a súa chave de apertura.

Súmate ao voluntariado marrón. Buscamos familias e persoas concienciadas

O xoves 20 de novembro volven as accións informativas a pé de rúa, para que todas as persoas interesadas poidan achegarse coñecer de preto o funcionamento do colector marrón, darse de alta na campaña e recoller a súa chave.

Todas as familias do municipio carballés poderán dirixirse á carpa da campaña “Ti tes a chave”, que estará na feira de 10.30h a 13.30h e na rúa Coruña en horario de 15.30 a 18.30. O domingo 23 a carpa volverá á feira, en horario de 10.30 a 13.30. Durante estas accións repartiranse cubos pechados de 10L a aquelas persoas que estean a participar na campaña de compostaxe doméstica e que conten cun composteiro individual na súa vivenda ou parcela.

Haberá máis accións informativas a pé de rúa nas vindeiras semanas e meses, xa que este é un proxecto que veu para quedarse. Informaremos das novas datas, localizacións e horarios a través da nosa web e das redes sociais.

Que residuos se deben depositar no colector marrón?

Os residuos que deben depositarse no colector marrón son os restos de froita, verdura, carne e peixe, cunchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusión, papel de cociña, restos de plantas, cortizas, en definitiva calquera resto orgánico.

Pola contra, o que nunca debe depositarse son envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e outro tipo de residuos non orgánicos.

Un Carballo máis sostible é cousa de todos e todas, moitas grazas por colaborar!