A web oficial do concello de Carballo

Carballo presenta un Nadal máis máxico ca nunca, con propostas para todas as idades e froito do traballo conxunto de todo o goberno municipal

Carballo prepárase para vivir un Nadal máis máxico ca nunca. O goberno municipal presentou este sábado unha ampla programación de actividades para todas as idades, froito do traballo transversal das distintas áreas municipais e da colaboración de empresas, asociacións e entidades locais.

Na presentación participaron o alcalde, Daniel Pérez, e a práctica totalidade dos concelleiros e concelleiras do goberno municipal, que foron debullando as achegas de cada área a un programa deseñado para ofrecer alternativas de lecer a toda a veciñanza, favorecer a conciliación familiar durante as vacacións escolares, promover a cultura e as tradicións e contribuír á dinamización do comercio e da hostalaría.

A concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, foi a encargada de conducir a presentación e de realizar un percorrido pola programación, desde o acendido da iluminación ornamental ata a tradicional cabalgata de Reis, dando paso aos seus compañeiros e compañeiras para explicar as principais propostas de cada ámbito de xestión municipal.

O alcalde puxo en valor precisamente ese traballo en común de practicamente todas as concellarías, que demostra, tamén no Nadal, a capacidade do goberno municipal para funcionar “como unha máquina ben engraxada” cun único obxectivo: “Darlle a Carballo o Nadal que merece”.

Acendido o 4 de decembro

A Praza do Concello será o escenario, o venres 4 de decembro, ás 18.30 horas, do acendido da iluminación de Nadal, que estará acompañado dunha chocolatada popular e da animación musical da Charanga Bicoia.

Será o punto de partida dunha programación que terá na carpa da Praza do Concello un dos seus principais escenarios, pero que tamén encherá de actividade o Pazo da Cultura, as bibliotecas, o mercado municipal, as rúas e as parroquias.

Como destacou Maruxa Suárez, a maxia será un dos grandes fíos condutores da programación deste ano. Oito profesionais do ilusionismo pasarán por Carballo durante as festas, entre eles as dúas magas galegas.

O coñecidísimo Mago Antón estará durante toda a xornada do sábado 26 de decembro na Praza do Concello co seu Magomóbil, no que ofrecerá catro funcións do espectáculo L.E.D. – Levitación, escapismo e desaparición, con entrada de balde e reserva previa.

A maxia tamén formará parte do Nadal Pequespectacular, que este ano amplía a súa oferta con catro espectáculos de circo, ilusionismo e teatro musical no Pazo da Cultura:

  • 27 de decembro: A serie Clopen, de Pistacatro, Premio Nacional de Circo 2025.
  • 28 de decembro: Tres ilusións, de Artestudio.
  • 29 de decembro: O libro da selva, de Ártika.
  • 30 de decembro: comedIA, de Píscore.

A venda anticipada de entradas comezará o 10 de decembro.

Ciencia, tecnoloxía e maxia

O proxecto europeo Talento quilómetro cero (TALK0) incorpora dúas importantes novidades á programación municipal de Nadal, como explicou o concelleiro de Innovación, Iván Andrade.

Tras a experiencia da Noite Europea das Persoas Investigadoras, os días 2, 3 e 4 de xaneiro desenvolverase o ciclo Nadal Máxico, que combinará espectáculos de ilusionismo e divulgación científica con obradoiros nos que os nenos e as nenas poderán experimentar e descubrir os segredos da maxia. Magia en la manga, Martín Camiña, a Maga Fani e o Mago Richard serán os protagonistas destas tres xornadas.

Tamén no marco do TALK0, financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa e das accións Marie Skłodowska-Curie, desenvolverase o 29 de decembro a iniciativa Pequenas landras de Nadal, unha mañá de obradoiros tecnolóxicos para descubrir, a través do xogo, aplicacións prácticas da ciencia e da tecnoloxía, como a elaboración de postais con luces LED, adornos con bolígrafos 3D, pulseiras con mensaxes secretas ou chaveiros con código Morse.

A rapazada terá a súa propia festa de Fin de Ano

Unha das grandes novidades da programación deste ano será a celebración dunha festa infantil de Fin de Ano, o mércores 30 de decembro, a partir das 17.00 horas, na carpa da Praza do Concello.

Os nenos e as nenas despedirán o 2026 por adiantado con tres horas de música, baile, karaoke, obradoiros, maquillaxe de fantasía, xogos e moitas sorpresas. Non faltarán as doce badaladas, con lambetadas no canto de uvas, o cotillón e un espectacular fin de festa con neve artificial.

Esta actividade conta co patrocinio de Gestagua, que tamén se implica na programación de Nadal a través do Augacamp.

Un Nadal que axuda a conciliar

A conciliación familiar é outro dos obxectivos fundamentais da programación. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, destacou neste ámbito tanto o programa Concilia como o Augacamp Nadal, que se desenvolverá do 22 de decembro ao 7 de xaneiro no CEIP Fogar, con 100 prazas e unha oferta de actividades que combina deporte, xogos, creatividade e sensibilización ambiental.

Tras o éxito de edicións anteriores, a carpa da Praza do Concello volverá converterse nun gran espazo de lecer infantil do 19 ao 23 de decembro co Mundo Xogo Nadal, que incorpora novas propostas como Minix, dedicado ao fútbol, e unha ampla zona de xogo, aprendizaxe e experimentación para os máis pequenos e pequenas arredor do universo de O polo Pepe, ademais de espazos dedicados a Playmobil, SuperThings e Rolly Toys.

A programación infantil inclúe tamén propostas creativas, obradoiros de sensibilización ambiental e actividades para fomentar a mobilidade activa, como a xincana de elfos sobre rodas do 28 de decembro.

Música para todas as xeracións

A música estará moi presente ao longo de todas as festas, tanto a través das agrupacións culturais locais como das propostas do Conservatorio Profesional de Música, os concertos, a animación nas rúas e os tradicionais bailes dos domingos.

O festival de música e baile tradicional, o 19 de decembro no Pazo da Cultura; os cantos de Nadal e Reis, os días 27 de decembro e 3 de xaneiro; os Elfos Musicais ou a actuación de The Crooners na Feira Doce son algunhas das citas dunha programación que aposta pola música en directo e pola posta en valor do patrimonio cultural.

A concelleira de Terceira Idade, María Mar Eirís, reivindicou o Nadal como un espazo de encontro e convivencia, con actividades que permitan compartir as festas independentemente da idade. Entre elas destaca o baile Pre Fin de Ano, que se celebrará o domingo 27 de decembro na carpa da Praza do Concello, con música, animación e badaladas.

Un Nadal que aposta polo local

As feiras de Nadal serán, un ano máis, protagonistas das primeiras fins de semana de decembro.

Do 5 ao 8 de decembro celebrarase a Feira de Artesanía, que reunirá a 24 expositores e que, ademais de promover o traballo artesanal de Carballo e Bergantiños, ofrecerá un amplo programa de obradoiros para todas as idades, actividades de animación e propostas solidarias a favor de O Legado de Max.

Os días 12 e 13 de decembro será a quenda da Feira Doce, con 16 expositores, obradoiros infantís, música e danza de Senegal, a visita do Apalpador e unha sesión vermú con The Crooners.

O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, agradeceu a implicación do empresariado, das entidades e das persoas colaboradoras que contribúen a facer realidade esta programación e que, coa súa aposta polo local, axudan a dinamizar a economía carballesa.

O programa municipal incorpora tamén as iniciativas promovidas polo comercio e a hostalaría, nunhas datas especialmente importantes para estes sectores.

Compartir o Nadal tamén é compartir a lingua

A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, destacou a importancia das propostas incluídas nos programas Decembro en Familia e Nadal con Apego. Son actividades que, a través de cousas tan sinxelas como compartir un conto, un xogo, unha canción ou unha foliada, contribúen a fortalecer os vínculos familiares e a favorecer a transmisión da lingua galega.

Unha das citas máis especiais será o 18 de decembro, cunha tarde de Nadal con Apego na que haberá unha visita do Apalpador, obradoiros de foliada e unha foliada aberta á participación das familias.

Ángeles Pacoret referiuse tamén ao calendario municipal do 2027, dedicado ao pan de Carballo, que xa está a disposición da veciñanza e que constitúe o punto de partida dun ano dedicado á promoción dun dos principais sinais de identidade do noso concello.

Un Nadal de 18 follas

O alcalde quixo facer un especial recoñecemento ao labor das entidades e asociacións que contribúen a que o Nadal carballés se estenda por todo o territorio municipal.

“Carballo son as 18 parroquias, son 18 follas de carballo que son as que constitúen a fortaleza do noso concello», salientou Daniel Pérez, facendo alusión á nova identidade corporativa municipal.

O rexedor reivindicou tamén estas datas como un momento de encontro e de reencontro, para compartir coa familia e coas amizades, e tamén para lembrar as persoas que xa non están.

Con esa vontade de facer do Nadal unha celebración colectiva, o Concello de Carballo ofrece unha programación na que conflúen as achegas das diferentes áreas municipais, a iniciativa do tecido asociativo, a colaboración empresarial e a participación da veciñanza.

O programa completo do Nadal en Carballo, con todos os horarios, localizacións e información sobre inscricións, entradas e reservas, poderá consultarse na axenda desta páxina web a partir do día 1.