A web oficial do concello de Carballo

Carballo presenta “Noroeste 0 emisións”, un encontro para impulsar modelos de enerxía sostible en toda a comarca

O edificio Fórum Carballo acolleu esta tarde a presentación oficial de Noroeste 0 Emisións, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xuño. Durante estas tres xornadas, o municipio converterase nun punto de referencia e debate arredor da mobilidade sostible, a eficiencia enerxética e a innovación como eixes estratéxicos para o desenvolvemento da comarca.

O acto de presentación do cartel contou coa participación do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o presidente de Axober, Diego Iglesias, e o presidente da Asociación Slowlight, Coque Alcázar. Todos eles coincidiron en sinalar a importancia de xerar espazos de encontro entre empresas, administracións e profesionais para avanzar cara a un modelo económico máis sostible e competitivo.

“Noroeste 0 Emisións reunirá a axentes clave do territorio para abordar cuestións estratéxicas como a transición enerxética, os novos modelos de mobilidade e o impacto da innovación no tecido empresarial”, sinalou Diego Iglesias.

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou que “con este encontro, Carballo amosa un compromiso firme co futuro e sitúase á vangarda do debate sobre a transición enerxética. Non se trata só de falar de sustentabilidade, senón de xuntar o tecido empresarial, os expertos e os nosos veciños e veciñas para buscar solucións reais e aplicables na nosa contorna. Mellorar a eficiencia e apostar por unha iluminación responsable ou pola mobilidade limpa é clave para construír un concello e unha comarca máis habitables, competitivos e respectuosos co medio ambiente.”

Coque Alcázar, presidente da Asociación Slowlight, indicou que este evento nace co obxectivo de favorecer o intercambio de coñecemento, impulsar sinerxías e promover iniciativas que contribúan á redución de emisións e á mellora da eficiencia nos diferentes sectores produtivos.

A iniciativa está organizada por Axober, coa colaboración do Concello de Carballo, Energal, Slowlight e a Deputación da Coruña. O evento é aberto a toda a veciñanza, e as persoas interesadas poden realizar a súa inscrición nos bloques que desexen a través da web oficial axober.org. Ademais, ao longo dos tres días, os exteriores do edificio Fórum acollerán unha exposición de vehículos eléctricos de diferentes marcas.

Programa Completo: Noroeste 0 Emisións

Mércores, 3 de xuño

Mañá | Bergantiños, Boas Noites: A noite como motor de territorio, cultura, turismo e economía local

  • 10:00 h. Inauguración oficial
    • Daniel Pérez, alcalde de Carballo
    • Diego Iglesias presidente de Axober
  • 10:30 h. A noite que temos e a noite que merecemos
    • Coque Alcázar (enxeñeiro Industrial, experto en iluminación pública responsable e presidente da Asociación Slowlight)
  • 10:50 h. Urbanismo consilente e iluminación artificial calmada
    • Pedro Calaza (presidente da Asociación Española de Parques e Xardíns Públicos)
  • 11:10 h. Ecodeseño aplicado á iluminación e espazo público
    • Iago Martínez Garrido (EDIGAL)
  • 11:30 h. Pausa café
  • 12:00 h. Espazos que coidan. Outra mirada sobre os espazos urbanos nocturnos
    • José Manuel Pérez (director de COP4 e experto en urbanismo con perspectiva de xénero)
  • 12:30 h. Turismo nocturno experiencial e astronómico: claves do seu presente e futuro na comarca de Bergantiños
    • Lanzada Calatayud (experta en turismo sostible)
  • 13:00 h. Mesa redonda: Tecnoloxías, estratexias e accións para mellorar a calidade do ceo nocturno na comarca de Bergantiños.
    • Modera: Óscar Lodeiro (experto en iluminación responsable e colaborador de Slowlight)
    • Lucía Giráldez Costas (divulgadora científica e experta en xestión turística)
    • Víctor Tilve Rúa (divulgador científico e profesor-tutor no CA Pontevedra)
    • Representante de ASINEC (Asociación Provincial de Industriais Electricistas e de Telecomunacións da Coruña)
    • Representante de Axober

Tarde | Mobilidade eficiente e sostible: Cero Emisións

  • Modera: Marcos Díaz (tesoureiro de Axober)
  • 16:30 h. Sistemas de recarga para vehículos eléctricos
    • Carlos Carmona (director comercial de QWELLO España)
  • 17:00 h. Multienerxía: Estacións de servizo Repsol (Combustibles renovables)
    • Ana María Ramos López (responsable de Optimización de Experiencia no Punto de Venda)
  • 17:30 h. Mesa redonda:“Actualización en vehículo eléctrico”
    • Participación dos concesionarios colaboradores.

Xoves, 4 de xuño

Xornada sostible, infantil e xuvenil

  • 10:00 h. Presentación do programa
  • 10:15 h. Obradoiro Slowlight Kids: A noite. Luz, biodiversidade e contaminación luminosa.
  • 11:00 h. Pausa
  • 11:30 h. Obradoiro Slowlight Kids: LightArt HUB. Creatividade con luz, cor e sombras.
  • 16:00 h. a 18:00 h. Obradoiro slowlight “Light Painting”
    • Proposta creativa dirixida a mocidade de entre 15 e 19 anos. Aprendizaxe do uso da luz en movemento e fotografía de longa exposición.
  • 22:00 h. A noite das cores-Carballo: paseo nocturno interactivo
    • Percorrido guiado en grupo polo centro da cidade (1 hora de duración aprox.). Os participantes empregarán linternas técnicas de cores para intervir de xeito efímero na paisaxe urbana.

Venres, 5 de xuño

Mañá | Eficiencia enerxética: a gran materia pendente

  • Modera: José Bello (CEO de Energal e vicepresidente de Slowlight)
  • 09:30 h. Os CAES e como monetizar o esforzo inversor en medidas de aforro e eficiencia enerxética (MAES)
    • José Ángel Abad (xefe da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do INEGA)
  • 10:00 h. Contratos ESE: a fórmula máis innovadora de xestión enerxética para todo tipo de organizacións públicas e privadas
    • Iván Andrade (director técnico de ENERGAL SL e membro da xunta directiva de A3E)
  • 10:30 h. Casos de éxito na xestión de contratos de servizos enerxéticos, incluíndo a tramitación dos CAES”
    • Álvaro Piñeiro (xerente de Ferrovial SA para Galicia e Asturias)
  • 11:00 h. O mercado enerxético OMIE: como funciona e que actores interveñen nel
    • Xosé Manuel Golpe (presidente de AGACEN e técnico de enerxía da Deputación da Coruña)
  • 11:30 h. Pausa café
  • 12:00 h. A comunicação 4.0 da enerxía: sistemas de control, telexestión e a democratización dos datos
    • Alfonso Sánchez (director de Grandes Contas en INELCOM)
  • 12:30 h. A rehabilitación enerxética do sector residencial en España: a gran materia pendente
    • Miguel Ángel Zamorano (director Comercial España da compañía IMESAPI)
  • 13:00 h. Clausura e peche de Noroeste Cero Emisións
    • Daniel Pérez, alcalde de Carballo
    • Diego Iglesias, presidente de Axober