O Concello de Carballo xa está listo para vivir a súa noite máis máxica. A Policía Local recibiu este ano máis de 800 comunicacións previas por parte da veciñanza para a celebración de cachelas e a instalación de barbacoas. Este rexistro previo permitirá ás forzas de seguridade situar no mapa cada punto de lume para actuar coa máxima celeridade en caso de calquera incidente.
Como xa é tradición para facilitar as sardiñadas de San Xoán e San Pedro, os establecementos hostaleiros da vila quedan dispensados da prohibición xeral de realizar barbacoas na vía pública dende o 22 ata o 29 de xuño.
Homenaxe ao trolebús
O centro da festa no día máis longo do ano volverá ser o Rego Da Balsa (diante da Biblioteca), a partir das 21.00 horas. A tradicional sardiñada popular contará este ano tamén con racións de chourizo e costela (a un prezo de 12€), acompañadas polo pan doado polas panaderías locais (Alfonso, Añón, Cancela, Élida Mesejo, Forno Novo, Garcos, Muíño, Seoane, Nuria e PanIgnacio) e o patrocinio de Todo Lar.
Da música encargarase a orquestra Compostela, a formación máis antiga de Galicia (en activo dende 1919). Ás 00:00 horas, na “hora bruxa”, prenderase a gran cachela municipal. Deseñada un ano máis polo carballés Maximino Pazos, que sempre se inspira en edificios ou elementos emblemáticos de Carballo, e fabricada cos materiais doados por Pinturas Kromo, a fogueira deste ano é unha homenaxe ao histórico trolebús que unía Carballo coa Coruña.

O alcalde, Daniel Pérez, acompañado polas concelleiras Maruxa Suárez e Maica Ures, que forman parte da comisión de festas, achegouse ata a zona da festa para felicitar a Maxi pola súa obra, na que contou coa axuda constante de Mónica Gerpe, membro tamén da comisión, e a colaboración de varias persoas voluntarias, entre elas un grupo de usuarias/os de APEM.
A festa continuará a partir das 00:30 horas co ritmo de Señora DJ “ata que o corpo aguante”.
Normas para as cachelas
Para que a noite transcorra sen riscos, o Concello lembra as normas de obrigado cumprimento para todas as fogueiras particulares:
- Distancias: As cachelas deben estar a un mínimo de 12 metros de edificios, árbores, vehículos e tendidos eléctricos.
- Dimensións: O diámetro máximo da zona de combustión será de 4 metros e a altura non superará os 2 metros.
- Materiais permitidos: Só se pode queimar leña, pólas e madeira limpa. Prohíbese taxativamente a queima de plásticos, pneumáticos, latas, PVC, aerosois ou líquidos combustibles.
- Vixilancia: A persoa solicitante debe vixiar o lume en todo momento e asegurarse de que quede totalmente apagado ao rematar.
📞 Teléfonos de emerxencia dispoñibles:
- Emerxencias: 112
- Policía Local: 981 701 722
- Bombeiros: 981 758 057
- Protección Civil: 981 704 048