A web oficial do concello de Carballo

Carballo, Premio Nacional de Parques y Jardines Públicos na categoría de concellos de menos de 50.000 habitantes

O traballo que vimos realizando nos últimos anos para a creación de espazos verdes máis sostibles e que sirvan, ademais, como elementos vertebradores do territorio, segue a dar os seus froitos. Despois de converternos no único concello da nosa categoría en gañar a Escoba de Oro no ano 2024, ou de conseguir 4 Flores de Honra no último certame Vilas en Flor, Carballo acada agora o Premio Nacional de Parques y Jardines Públicos na categoría de concellos de menos de 50.000 habitantes.

Congreso da Asociación Española de Parques y Jardines en Marbella 2025 - Premio nacional de jardinería
Congreso da Asociación Española de Parques y Jardines en Marbella 2025 – Premio nacional de jardinería

O xurado, integrado por representantes da Asociación Española de Parques y Jardines Públicos (PARJAP), da cidade sede do congreso e da gañadora da edición anterior, considerou que a rede de xardíns que está a crear o Concello de Carballo supón un “exemplo de integración ecolóxica no planeamento municipal”. O premio na categoría de concellos de máis de 50.000 habitantes foi para Barcelona, que será a sede do congreso estatal o ano que vén.

Intervención de Santiago Andrade

O fallo fíxose público esta fin de semana en Marbella, no marco do congreso anual da Asociación Española de Parques y Jardines Públicos, ao que asistiron o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales; o técnico asesor de Medio Ambiente do Concello de Carballo, Santiago Andrade, e o xerente de Dixardin, Carlos Iglesias. Nesta 51ª edición do congreso participaron máis de 500 profesionais e empresas do sector, así coma unha trintena de expertos de todo o mundo.

O congreso rematou cunha reflexión sobre a importancia de repensar o modelo futuro de cidade, “algo do que depende directamente a saúde do ser humano”, e por iso é tan importante a creación dunha infraestrutura verde que funcione como axente xerador de biodiversidade e permita unha xestión sostible.

Nesa liña, precisamente, enmárcase o proxecto da rede de xardíns do Concello de Carballo, sostido por tres grandes piares:

  • A revaloración e rexeneración das zonas verdes urbanas, con actuacións específicas para cada unha delas baseadas no deseño e na xestión ecolóxica.
  • A conexión entre as distintas zonas verdes por medio de vexetación arbórea na que priman as especies autóctonas, e a través de sendas ciclo-peonís que permiten estender esa conexión máis alá da zona urbana.
  • A renaturalización e o fomento da biodiversidade, optando pola introdución de especies autóctonas con alta resistencia a pragas e enfermidades e con menos esixencia de consumo de auga; eliminando especies invasoras, utilizando produtos ecolóxicos para o tratamento de enfermidades e substituíndo progresivamente as zonas de céspede por praderías naturais.

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como o concelleiro de Medio Ambiente amosaron a súa satisfacción pola consecución deste premio estatal, que, en palabras de Miguel Vales, “avalan o traballo que vimos desenvolvendo para a construción dun Carballo máis verde, máis saudable e á vangarda da loita contra o cambio climático”.