A Aula CeMIT de Carballo acolleu hoxe a clausura e entrega de diplomas do primeiro dos catro campamentos tecnolóxicos de verán organizados pola Concellaría de Innovación. O alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, foron os encargados de acompañar á rapazada nesta xornada de peche e entregar os recoñecementos que acreditan a súa participación.
Este primeiro grupo, denominado “Pequenos exploradores” e dirixido a nenos e nenas de 7 e 8 anos, completou con éxito dez días de formación lúdica de luns a venres. Ao longo destas dúas semanas, os máis pequenos tiveron o seu primeiro contacto coa tecnoloxía a través de historias dixitais, debuxo, animación e robótica básica, e remataron coa elaboración dun proxecto interactivo.
O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento desta primeira quenda e lembrou que o obxectivo desta iniciativa —enmarcada no proxecto Talento km 0 (TALK0)— é “que a mocidade de Carballo non sexa só consumidora de tecnoloxía, senón que aprenda a ser creadora, e para iso debemos proporcionarlles ferramentas que lles dean autonomía e seguridade no mundo dixital actual”.
Do mesmo xeito, a concelleira de Educación, Mar Eirís, quixo destacar a metodoloxía destas actividades: “É moi satisfactorio ver como a través do xogo e da experimentación, os nenos e nenas absorben conceptos complexos de lóxica e matemáticas sen darse conta, reforzando a súa aprendizaxe de cara ao vindeiro curso escolar”.
A iniciativa estruturouse en catro campamentos independentes de 14 alumnos/as cada un co fin de garantir unha atención totalmente personalizada e chegar a un total de 56 mozos e mozas do municipio.
A actividade na Aula CeMIT no para e este vindeiro luns, 20 de xullo, dará comezo o segundo dos bloques programados, “Futuros exploradores” (para idades de 9 a 10 anos). Neste taller, o alumnado mergullarase no deseño de videoxogos e na linguaxe de programación Scratch.
Durante o mes de agosto completarase o calendario coas quendas de “Futuros makers” (11-12 anos) —onde se abordará o deseño 3D e a intelixencia artificial para nenos— e “Makers avanzados” (13-14 anos), orientada a adolescentes con contidos específicos de edición de vídeo, creación de mini páxinas web, deseño en Canva, podcast e seguridade dixital.
Con este programa global, como apuntou o alcalde, o Concello de Carballo continúa reforzando o seu compromiso estratéxico coa alfabetización dixital, o pensamento computacional e a capacitación práctica das novas xeracións nas ferramentas dixitais do futuro. “Apostar por este tipo de campamentos é investir en igualdade de oportunidades e no Carballo do mañá”, destacou Daniel Pérez.




