A web oficial do concello de Carballo

Carballo é o concello da provincia que recibe máis fondos do Plan Único grazas aos criterios obxectivos que aplica a Deputación

O Concello de Carballo contará en 2026 cun investimento inicial de 2,4 millóns de euros a través do Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña, e deste xeito consolídase como o municipio que máis fondos recibe dos 93 da provincia da Coruña.

Durante a visita institucional que realizou este xoves ao noso concello, o presidente provincial, Valentín González Formoso, subliñou que o feito de que Carballo sexa o concello máis beneficiado da provincia non responde a decisións políticas nin discrecionais, senón á aplicación dun sistema de reparto sustentado en criterios obxectivos, transparentes e medibles: poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal do propio concello, por exemplo.

“A configuración territorial e demográfica de Carballo fai que sexa o municipio que maior achega recibe, demostrando que o POS+ garante un reparto xusto e equitativo dos recursos públicos”, destacou.

Pola súa banda, a deputada de Plans, Cristina García, incidiu en que o Plan Único dá “total autonomía municipal” para decidir o destino dos fondos fronte a outros modelos finalistas con investimentos previamente definidos.

O alcalde: “O Plan Único dálle a cada concello o que lle corresponde”

Valentín González e Cristina García compareceron no salón de plenos carballés para dara coñecer os investimentos previstos na comarca de Bergantiños. Xunto a eles estivo o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, que puxo o foco nas dificultades do financiamento local.

“O actual sistema de financiamento limita moito a capacidade inversora dos concellos, basicamente porque asumimos moitas competencias impropias”, sinalou. Como exemplo, citou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), “un dos servizos básicos máis importantes”, que recae en gran medida sobre as arcas municipais: “Aínda que debería estar plenamente financiado por outras administracións, somos os concellos os que asumimos boa parte do custo”.

Neste contexto, destacou que o POS+ supón “un alivio importante” para os municipios e reiterou que o reparto responde a criterios “absolutamente obxectivos e obxectivables”.

“O Plan Único dálle a cada concello o que lle corresponde en base á poboación, á extensión, ao número de parroquias e ao esforzo fiscal”, afirmou.

Prioridade: manter servizos e reforzar investimentos no rural

Desde a creación do POS+ en 2017, Carballo leva acumulados preto de 25 millóns de euros, destinados tanto á execución de obras como ao financiamento de servizos municipais e programas sociais.

En 2026, Carballo destinará unha parte relevante do POS+ a gasto corrente, co obxectivo de liberar recursos propios e incrementar o investimento real. “Iso permítenos reforzar o capítulo de investimentos e seguir mellorando servizos básicos, especialmente no rural”, explicou o rexedor.

As actuacións céntranse principalmente en obras de saneamento, abastecemento e mellora de vías municipais en diferentes parroquias, garantindo que máis vivendas conten con servizos esenciais. Este ano, en concreto, destinamos 572.000 euros ao abastecemento de auga e o saneamento da Grela, o que permitirá dar servizo a un cento de familias da zona.

Visita presidente Deputación 26 febreiro 2026

O campo da festa de Artes, exemplo do impacto do POS+

A xornada incluíu a visita ás obras xa rematadas do acondicionamento do campo da festa de Artes, na contorna da igrexa, cun investimento próximo aos 150.000 euros financiado polo Plan Único.

A actuación transformou un espazo con problemas de drenaxe e desniveis nunha nova praza pública para eventos e uso veciñal, incorporando urbanización branda, mobiliario urbano, xardinería e renovación de servizos básicos como a rede de abastecemento e a canalización para o soterramento da rede eléctrica.