A web oficial do concello de Carballo

Carballo dá unha segunda vida a 203 plantas dos xardíns municipais cun reparto entre a veciñanza

Un total de 203 plantas retiradas dos xardíns municipais terán unha nova vida nos fogares carballeses grazas ao reparto realizado esta mañá no mercado municipal. Begonias e alegrías chegaron ás mans da veciñanza nunha iniciativa que o Concello puxo en marcha en 2022 para aproveitar os exemplares que aínda están en boas condicións cando se realiza o cambio da planta de temporada.

O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, colaboraron co persoal do servizo municipal de xardíns na entrega das plantas entre a clientela do mercado, xa que a única condición para conseguir unha begonia ou una alegría foi realizar unha compra en calquera dos postos da praza de abastos.

A renovación estacional das zonas verdes implica substituír as plantas da primavera e do verán por outras máis adaptadas ás condicións do outono e do inverno. Con este reparto, os exemplares que aínda poden seguir medrando póñense a disposición da cidadanía para prolongar a súa vida e fomentar o seu coidado nos fogares.

O primeiro reparto realizouse en novembro de 2022, e naquela ocasión estivo dirixido ás familias participantes nos programas municipais de compostaxe. Case catro anos despois do seu inicio, o Concello leva repartidas case un milleiro de plantas continúa impulsando esta acción para aproveitar os recursos e implicar a cidadanía no coidado da contorna.

O reparto conecta con outras propostas de sensibilización ambiental, como a campaña Presume de xardíns, que nestes días convida aos nenos e ás nenas a colocar as súas cabazas decoradas nos espazos reservados no parque do Chorís, na rúa Eduardo Pondal, na zona verde da contorna do Fórum Carballo, na praza da Cruz Vermella e no exterior do CEIP Nétoma-Razo.

Ambas as iniciativas comparten un obxectivo: facer partícipe á veciñanza do coidado de Carballo, mediante xestos sinxelos como recuperar unha planta ou contribuír á decoración dos xardíns.

Reparto flores mercado