A web oficial do concello de Carballo

Carballo contará en breve con novos aparcadoiros que elevarán a 2.670 as prazas dispoñibles en parcelas urbanas

O Concello de Carballo está a acondicionar dúas novas zonas para o estacionamento de vehículos e a ampliar unha terceira, o que elevará a 2.670 as prazas dispoñibles en parcelas urbanas.

Un dos aparcadoiros está na avenida do Ambulatorio, onde se traballa estes días no acondicionamento da parcela, que supera os 3.000 metros cadrados, e o outro sitúase entre as rúas Doutor Fleming e Rosalía de Castro, con case 500 metros cadrados. Este último xa está rematado, como puido comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, na visita que realizou xunto cos concelleiros Luis Lamas e Daniel Pérez, aínda que segue pechado á espera da colocación da rampla de acceso. Entre os dous novos aparcadoiros poderán dar cabida a máis de 140 vehículos. E ademais estase a traballar na conexión dos dous situados na rúa Gravador Facal, o que permitirá amplialos en 30 prazas, aproximadamente.

Con estas novas actuacións, o Concello de Carballo contará xa con 50 parcelas destinadas a estacionamento de vehículos en distintas zonas urbanas. A maioría están en soares particulares cedidos provisionalmente, pero tamén son preto de catrocentas as situadas en terreos municipais, entre elas a maior bolsa que temos na vila: as 210 prazas do estacionamento situado entre a rúa Perú e a avenida Ponte da Pedra.

O goberno municipal vén apostando nos últimos vinte anos pola utilización do sistema de comodato, que consiste na cesión ao Concello de fincas particulares a cambio da exención do IBI. A cesión é provisional, de xeito que as persoas propietarias poden solicitar en calquera momento a devolución do terreo, como xa ten ocorrido. Neste sentido, o Concello de Carballo está aberto a todas as propostas que poidan xurdir por parte da veciñanza e que permitan seguir estendendo este exitoso sistema.