A web oficial do concello de Carballo

Carballo conmemora o 8M cunha programación que une cultura, participación e empoderamento feminino

O Concello de Carballo presenta unha programación ampla, diversa e transversal para conmemorar o Día Internacional da Muller, cun conxunto de actividades que combinan reflexión, creación cultural, participación cidadá e procesos de empoderamento feminino.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, subliña que “o 8M non é só unha data simbólica, é unha oportunidade para reforzar o compromiso colectivo coa igualdade real, implicando a toda a sociedade desde diferentes ámbitos: a educación, a cultura, a participación e o crecemento persoal”.

Educación e memoria: o papel das mulleres educadoras

A programación arrinca o xoves 5 de marzo ás 20.00 horas nas Escolas do Xardín Agra de Caldas co debate A educación das mulleres e as mulleres como educadoras, organizado pola Asociación Cultural Lumieira no marco do seu 50 aniversario e en colaboración co Concello.

O encontro contará coa participación de mulleres educadoras e de Narciso de Gabriel, autor de Xogando coa pólvora, nun diálogo arredor da evolución da educación desde unha perspectiva de xénero. A sesión pretende analizar como a socialización diferencial condicionou historicamente o papel das mulleres na docencia e reflexionar sobre os retos actuais en materia de igualdade no ámbito educativo.

A entrada é libre e de balde.

Teatro comprometido: “Vitoria”, de Iria Pinheiro

O venres 6 de marzo, ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, representarase Vitoria, un espectáculo teatral de Iria Pinheiro incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios e na programación da Concellaría de Cultura para os primeiros meses do ano.

A obra recupera a figura de Vitoria Kent para poñer en valor a memoria das mulleres que loitaron polos dereitos e liberdades nun contexto adverso. Cunha posta en escena intensa e directa, a peza combina divulgación histórica e reflexión contemporánea sobre o feminismo e os dereitos das mulleres.

Entradas á venda en billeteira.carballo.gal.

Destructoterapia: xestión emocional e liberación do estrés

O sábado 7 de marzo, ás 11.00 horas, o punto de encontro será o polígono industrial de Bértoa, onde se desenvolverá unha sesión de destructoterapia dirixida especificamente a mulleres. A actividade combina dinámicas físicas e emocionais que permiten canalizar tensións acumuladas a través da acción controlada, seguida dun proceso de relaxación. Comezará cunha sesión dirixida pola psicóloga Claudia Pradas e continuará coa actividade de destructoterapia, unha proposta innovadora de xestión do estrés que busca ofrecer ferramentas prácticas para o benestar emocional, dentro dunha perspectiva de auto-coidado e fortalecemento persoal.

As prazas son limitadas e requiren inscrición previa na axenda de carballo.gal.

Música reivindicativa con De Vacas

A xornada do sábado continuará ás 20.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura co concerto Vacanal Sinfónica, de De Vacas. O coñecido grupo galego ofrecerá un espectáculo que mestura humor, música e crítica social, reinterpretando grandes éxitos desde unha óptica feminista e reivindicativa.

A actuación forma parte da aposta do Concello de Carballo por incorporar a perspectiva de xénero tamén nas programacións culturais, achegando propostas artísticas que invitan á reflexión a través do entretemento.

Entradas á venda en billeteira.carballo.gal

8 de marzo: acto institucional e xornada participativa

O domingo 8 de marzo, ás 12.00 horas, na Praza do Concello (ou na planta alta do mercado municipal no caso de chuvia), celebrarase o acto central do Día da Muller, aberto a toda a cidadanía.

Lupe Blanco será a encargada de presentar a xornada, que arrincará coa lectura da Declaración institucional do 8M aprobada por unanimidade pola corporación municipal. Na lectura participará unha concelleira de cada grupo político, simbolizando o compromiso común coa igualdade.

A continuación desenvolverase unha xornada de sensibilización aberta a todas as idades, na que se elaborará un “Carballo da Igualdade” coa participación das persoas asistentes, e para as/os máis pequenas/os tamén haberá xogos didácticos arredor da igualdade e a corresponsabilidade. A xornada rematará cunha sesión vermú amenizada pola DJ carballesa Sara Pose.

Segundo destaca Maica Ures, “queremos que o 8M sexa tamén un espazo de encontro interxeracional, no que a igualdade se constrúa desde a participación activa da veciñanza, especialmente das máis novas”.

Cine e coloquio: “Adeus, Berta”

O luns 9 de marzo, ás 17.00 horas, na Sala Cervantes do mercado municipal, proxectarase o filme Adeus, Berta, unha cortometraxe dirixida por Fernando Tato e producida por Kraken Media SL. A actividade, incluída no programa MercaEscola, permitirá afondar a través do audiovisual en cuestións vinculadas coa identidade, os roles de xénero e os cambios sociais.

Empoderamento feminino: “Camiñando Xuntas”

A programación do 8M complétase coa continuidade do grupo de empoderamento feminino Camiñando xuntas, coordinado pola consultora Nós Igualdade.

O programa desenvolverase entre marzo e xuño, con oito sesións presenciais dirixidas a mulleres do concello de Carballo. O obxectivo é fortalecer a conciencia crítica, a autoestima e a autonomía persoal a través dun proceso grupal participativo e vivencial.

As sesións abordarán cuestións como a socialización de xénero, os mandatos patriarcais interiorizados, a autoestima feminina, a comunicación asertiva, o establecemento de límites e o liderado persoal. O grupo funcionará como espazo seguro de reflexión, apoio mutuo e sororidade.

A concelleira de Igualdade sinala que “este tipo de procesos sostidos no tempo son fundamentais para avanzar cara a unha igualdade real, porque permiten traballar desde dentro, reforzando a autonomía e a confianza das mulleres”.

Inscricións abertas na axenda de carballo.gal

Compromiso coa igualdade

Con esta programación, Carballo reafirma o seu compromiso coa igualdade desde unha perspectiva integral, combinando acción institucional, cultura transformadora e procesos de acompañamento que contribúan a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.