Coñecer para detectar, detectar para previr e previr para protexer. A xornada sobre a regulación legal da violencia vicaria, organizada este xoves pola Concellaría de Igualdade do Concello de Carballo e a Universidade da Coruña, permitiu afondar nunha das manifestacións máis crueis da violencia machista da man de tres especialistas no ámbito do dereito penal.
Case trinta persoas participaron nun encontro que destacou pola calidade e polo interese das intervencións, nas que se combinaron o rigor xurídico, a análise de casos reais e a reflexión sobre os mecanismos de protección das vítimas, tanto os que existen na actualidade como aqueles nos que aínda é preciso avanzar.
A violencia vicaria, na que o agresor utiliza persoas do entorno afectivo da muller para causarlle dano, castigala ou manter o control sobre ela, non se limita ás súas manifestacións máis extremas. Tamén está presente en condutas cotiás que, en ocasións, resultan máis difíciles de identificar.

Avances e retos
Eva Souto García, profesora titular de Dereito Penal da Universidade da Coruña, realizou un percorrido pola evolución do concepto de violencia vicaria, polo seu recoñecemento legal e polas ferramentas de protección das que dispoñen as vítimas.
Na súa intervención achegou un dato especialmente estremecedor: 68 nenas e nenos foron asasinados en España por violencia vicaria entre 2013 e setembro de 2026, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.
A relatora analizou os avances introducidos na lexislación estatal e galega, así como as medidas relativas á suspensión do réxime de visitas, á privación da patria potestade ou á atención psicolóxica das crianzas. Destacou tamén que a normativa galega amplía o concepto de violencia vicaria máis alá das persoas menores de idade.
A situación da proposta dunha nova lei orgánica en materia de violencia vicaria, paralizada pola convocatoria electoral; as novidades que incorporaba e os retos lexislativos pendentes ocuparon igualmente parte da súa intervención.

Os nenos e as nenas son vítimas directas
O magistrado da sección do Penal do Tribunal de Instancia da Coruña e doutor en Dereito Carlos Suárez-Mira Rodríguez abordou a violencia vicaria desde a perspectiva xurídico-penal, explicando como se identifican, se acreditan e se sancionan estas condutas.
Unha das ideas centrais da súa intervención foi a necesidade de recoñecer os fillos e as fillas como vítimas directas da violencia, con dereitos propios, e non unicamente como instrumentos utilizados polo agresor para facer dano á nai.
O magistrado incidiu tamén na importancia de que a resposta xudicial non se limite á imposición dunha pena. A detección temperá do risco, a coordinación institucional, a adopción de medidas cautelares, a escoita das persoas menores de idade en condicións que eviten a súa revitimización e a reparación integral son elementos fundamentais para ofrecer unha protección efectiva.

O maltrato animal
A xornada permitiu achegarse tamén a unha das vertentes menos coñecidas da violencia vicaria: a utilización dos animais de compañía como instrumento de maltrato emocional, intimidación ou coacción.
A profesora María Ángeles Fuentes Loureiro explicou como o vínculo afectivo entre as mulleres vítimas de violencia de xénero e os animais cos que conviven pode ser utilizado polo agresor para incrementar o seu sufrimento, silencialas ou impedir que abandonen unha relación de maltrato.
A investigadora presentou os resultados dunha análise de 17 sentenzas ditadas entre 2003 e 2023 nas que se identificaron casos de maltrato animal instrumentalizado. En todos os casos analizados as vítimas humanas eran mulleres e só en tres das sentenzas se castigaba tamén o delito de maltrato animal.
A evolución da resposta penal ante estas condutas, as medidas de protección dos animais e a incidencia do maltrato animal nas decisións xudiciais sobre a garda e custodia dos fillos e das fillas completaron a súa exposición.
Mellorar a prevención e a intervención
Desde a Concellaría de Igualdade faise unha valoración moi positiva dunha xornada que contribuíu a ampliar o coñecemento sobre as múltiples dimensións da violencia vicaria e a visibilizar condutas que non sempre son recoñecidas como formas de violencia machista.
Con iniciativas deste tipo, o Concello de Carballo continúa a apostar pola formación especializada, pola sensibilización social e pola mellora da capacidade de resposta ante todas as formas de violencia contra as mulleres. Porque a loita contra as violencias machistas require tamén coñecemento, ferramentas e profesionais preparados para identificar os riscos e actuar antes de que sexa demasiado tarde.