A web oficial do concello de Carballo

Carballo acollerá a gala do Enreguéifate, o proxecto que leva unha década impulsando a regueifa entre a mocidade

O Pazo da Cultura de Carballo converterase o 27 de abril de 2027 no punto de encontro da regueifa galega coa celebración da gala de entrega de premios da décima edición do Enreguéifate, un proxecto de dinamización lingüística que leva unha década promovendo o uso do galego entre a infancia e a mocidade a través da improvisación oral en verso.

A gala, que comezará ás 11.30 horas, será unha das citas centrais dunha edición especialmente significativa, na que o Enreguéifate celebra dez anos de traballo conxunto entre concellos, centros educativos e comunidade regueifeira. Carballo acollerá así unha xornada dedicada á palabra, á música, ao humor e á creatividade, na que se recoñecerá o talento das persoas participantes no certame e se poñerá en valor unha das expresións máis singulares do patrimonio cultural inmaterial galego.

A elección de Carballo como sede desta celebración supón tamén un recoñecemento ao compromiso municipal coa normalización lingüística e coa transmisión da cultura popular ás novas xeracións. A través do seu Servizo de Normalización Lingüística, o Concello participa nun proxecto compartido que demostra que a tradición pode ser tamén unha ferramenta actual, participativa e atractiva para fomentar o uso do galego.

O Enreguéifate está promovido polos concellos de Ames, Arzúa, A Baña, Carballo, Narón, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, que presentaron este martes o programa da décima edición. Ao acto asistiu a nosa técnica de Normalización Lingüística, Carme Pereiro. Co lema Enreguéifate, construíndo patrimonio, a iniciativa reivindica a regueifa como unha manifestación cultural viva, capaz de conectar xeracións, favorecer a expresión oral e crear novos espazos de uso da lingua galega.

Máis de 80 obradoiros

Un dos piares do Enreguéifate é o seu traballo coa comunidade educativa. Desde finais deste mes de novembro e ata marzo de 2027 desenvolveranse máis de 80 obradoiros de improvisación oral dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO dos oito concellos participantes.

As sesións estarán impartidas por unha decena de profesionais da regueifa, entre os que figuran Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Manuele Pardo, O Rabelo, Icía Díaz, Hadrián García, Tiziana Martínez, Cristian de Burela e Sergio Alonso.

A través destas actividades, o alumnado descubrirá as posibilidades creativas da lingua galega e aprenderá a improvisar, argumentar, escoitar e responder en verso. A regueifa convértese así nun recurso educativo que, ademais de estimular a expresión oral, favorece a cooperación, a empatía, o respecto á diversidade e o pensamento crítico.

O programa inclúe tamén formación específica para o profesorado. De feito, a primeira actividade desta edición celebrouse o pasado 23 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, cun obradoiro no que docentes de toda Galicia exploraron as posibilidades didácticas da regueifa.

Un certame aberto á cidadanía

Xunto coas actividades formativas, o Enreguéifate convocará unha nova edición do seu certame de regueifas en vídeo, aberto tanto á comunidade escolar como á cidadanía en xeral.

Para participar será necesario presentar un vídeo de ata tres minutos no que interveñan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre. As bases completas e o formulario de inscrición estarán dispoñibles na páxina web do proxecto.

O certame volverá distinguir as creacións máis bravas, agudas, diversas, reivindicativas, mellor cantadas, mellor faladas, máis inclusivas e máis entroideiras, con oito premios en cada unha das dúas categorías, escolar e xeral.

As persoas premiadas recibirán os seus galardóns en Carballo, nunha gala que será tamén unha celebración colectiva da creatividade, da cultura popular e da vitalidade da lingua galega.

enregueifate 2026 web

Patrimonio e futuro

O décimo aniversario do Enreguéifate é unha oportunidade para reivindicar a vixencia da regueifa, unha tradición oral que soubo adaptarse aos novos tempos e que hoxe atopa nas aulas, nos escenarios e nos formatos audiovisuais novas maneiras de expresarse e de chegar á mocidade.

Ao longo destes dez anos, o proxecto contribuíu a achegar a improvisación oral a novas xeracións, a impulsar a participación dos centros educativos e a favorecer a creación de espazos nos que o galego é unha lingua de expresión espontánea, de humor, de debate e de creación artística.

Coa celebración da gala no Pazo da Cultura, Carballo situarase no centro desta festa da palabra improvisada, reafirmando a importancia de transmitir o patrimonio cultural e lingüístico non só como unha herdanza que cómpre conservar, senón tamén como unha ferramenta viva coa que seguir construíndo futuro.