A web oficial do concello de Carballo

Carballo acolle as II Xornadas de Transferencia entre os grupos de investigación sobre o territorio das universidades da Coruña e Santiago

Carballo convértese esta fin de semana no centro do debate sobre o desenvolvemento local coa celebración das II Xornadas de Transferencia GET-ANTE. Baixo o título “Colaboración público-privada e comunitaria para a Axenda de Desenvolvemento Local de Carballo”, o evento reúne a investigadores da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para colaborar coas institucións municipais.

Ademais de participación dos concelleiros de Planificación Urbana, Juan Seoane, e Axenda Urbana, Iván Andrade, que presentaron a estratexia de desenvolvemento sostible do Concello de Carballo, tamén se achegou ata as Escolas do Xardín Agra de Caldas o alcalde, Daniel Pérez, que puxo o noso concello como un exemplo de “transformación” con criterios de respecto e sustentabilidade, e que segue avanzando na onstrución dunha contorna urbana “pensada para as persoas, para mellorar a calidade de vida da xente”.

Durante a mañá, os grupos de investigación presentaron as súas liñas estratéxicas para o período 2025-2026: Rubén C. Lois González (USC) debullou os proxectos europeos e propostas en curso do grupo ANTE, e María Andrade Suárez (UDC) presentou os proxectos e propostas actuais do grupo GET. Tamén se abordaron temáticas específicas como Campo editorial e cultura autonómica, por Roberto Samartín (UDC) , Cambio climático en Galicia, por José Antonio Cortés Vázquez (UDC), e o Programa ATRAE, por Emiliano Treré (USC).

A xornada de hoxe completouse cunha vertente máis práctica que incluíu unha visita ao Balneario de Carballo e unha ruta polos murais de arte urbana da man de Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica e Turismo e vicepresidente da Deputación da Coruña.

O evento continuará mañá, sábado 9 de maio , centrando o interese no litoral cunha andaina entre Baldaio e Razo ás 10:30. A xornada culminará cunha mesa redonda conducida por Xosé Regueira para presentar os Plans de reforma ambiental, surf e astroturismo (Starlight), seguida dunha visita ao Espazo Nature.

Esta iniciativa está coordinada por Rubén Camilo Lois González (USC) e María Andrade Suárez (UDC), co apoio das secretarías de Paula Solla e Estibaliz García Gómez.