A web oficial do concello de Carballo

Carballo abre o Rexenera Fest cun cartel internacional que reivindica a paridade e a profesionalización do muralismo

As rúas de Carballo volven transformarse nun gran museo ao aire libre. Arrincou a 12ª edición do Festival de Arte Pública Rexenera Fest, unha cita xa consolidada que, ata o vindeiro 7 de xuño, converterá o espazo urbano nun fervedoiro de creatividade, cor e vangarda coa participación de recoñecidos muralistas de Galicia, do resto do Estado e de países europeos como Croacia ou Grecia.

Xunto a algúns deles realizamos hoxe a presentación oficial, na que participaron o alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen destacou a enorme calidade do cartel deste ano, que definiu como “moi potente tanto a nivel nacional como internacional”.

Un dos piares fundamentais desta edición é o posicionamento firme do festival a prol dos dereitos laborais e a igualdade de xénero no sector da arte urbana. Regueira subliñou o papel do evento como motor de profesionalización do muralismo: “Partimos da idea de que as persoas artistas teñen que cobrar polo seu traballo igual que calquera outro profesional. O talento fai a nosa vida máis agradable, pero non pode ser gratis”.

Neste sentido, o edil fixo fincapé na necesidade de avanzar cara a festivais plenamente igualitarios que visibilicen ás mulleres creadoras. “Os festivais deben ser paritarios e artistas masculinos e femininos deben cobrar o mesmo caché e ter a mesma visibilidade”, concluíu, apuntando que esta fórmula de traballo está a situar á provincia da Coruña no mapa internacional da disciplina.

En Carballo apóstase pola paridade, e este ano entre as participantes está Isa Bermúdez, a primeira carballesa que forma parte do cartel do Rexenera Fest. “Para min é unha emoción enorme e unha responsabilidade moi bonita. Como carballesa, vin medrar este festival ano tras ano, contemplando as grúas e os murais desde abaixo como unha veciña máis que admira a arte que viña de fóra. Poder formar parte do cartel desta edición, e ademais ser a primeira artista local que plasma a súa pegada no festival, é un orgullo inmenso. Que o Concello aposte polo talento de aquí, e que o faga nun espazo que defende a paridade e o respecto ao noso traballo, demostra que en Carballo a cultura cóidase e faise desde a base”, manifestou.

Pola súa banda, o alcalde amosou a súa satisfacción pola traxectoria dun proxecto que xa forma parte da identidade local e que transformou por completo a paisaxe urbana ao longo destes doce anos.

“O Rexenera Fest non é só un evento cultural, é un proxecto de identidade colectiva. Carballo demostrou que o urbanismo e a arte poden camiñar da man para facer unha vila máis amable, máis humana e máis atractiva. Ver como os nosos muros se len en clave internacional e como a veciñanza abraza este proxecto con orgullo é a mellor proba do seu éxito. Con esta edición, Carballo volve demostrar que a vangarda tamén se escribe desde o municipalismo”, declarou o rexedor.

Unha programación máis alá dos muros

Ao longo dos vindeiros días, ademais das intervencións pictóricas en diferentes fachadas e espazos públicos da vila, o festival ofrecerá unha completa axenda que inclúe actividades formativas, obradoiros abertos á cidadanía e encontros de debate arredor da arte pública.

Con esta duodécima edición, Carballo reafírmase como o gran referente do muralismo e a arte urbana en Galicia, demostrando que as paredes poden ser ventás abertas ao mundo