ANUNCIO do 21 de xullo de 2025 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado da variante de Carballo, 1ª fase, de clave AC/20/087.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.
Antecedentes:
No Diario Oficial de Galicia núm. 72, do 14 de abril de 2025, publicouse o Anuncio do 1 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai público o informe de impacto ambiental do proxecto da variante de Carballo, 1ª fase, AC-552-AC-413 (DP-1905)-DP1914 (AC/20/087.01), no concello de Carballo (A Coruña) (expediente 2022/0096).
Mediante a Resolución do director da Axencia Galega de Infraestruturas do 16 de xullo de 2025 aprobouse provisionalmente o proxecto referido, que se tramitará segundo o disposto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e no Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia.
Considerando o exposto e o establecido na normativa vixente,Primeiro. Someter ao trámite de información pública o proxecto de trazado da variante de Carballo, 1ª fase, de clave AC/20/087.01, no concello de Carballo (A Coruña), para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular, mediante escrito dirixido á Axencia Galega de Infraestruturas, as alegacións que crean convenientes relativas á concepción global da actuación e das distintas alternativas analizadas, de ser o caso, de acordo co disposto no artigo 21.1 da Lei 8/2013 e no artigo 50 do Decreto 66/2016.
Segundo. Someter ao trámite de información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto, descritos na relación anexa, para que calquera persoa poida achegar por escrito a rectificación dos posibles erros da relación publicada ou opoñerse á necesidade da ocupación. Neste caso, indicará os motivos polos que deba considerarse preferente a ocupación doutros bens ou a adquisición doutros dereitos distintos aos da relación ao fin que se persegue, de acordo co disposto nos artigos 17, 18 e 19 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
Terceiro. Do mesmo xeito, sométese este proxecto a información pública para os efectos do establecido no Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, en relación coa protección do dominio público hidráulico e coas actuacións neste ou na súa zona de policía.
Cuarto. O prazo para presentar alegacións será de trinta (30) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
A documentación do proxecto estará á disposición da cidadanía na sede central da Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas da Coruña, na casa do Concello de Carballo e na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, onde tamén figura un extracto do documento cos obxectivos, localización e descrición da actuación: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/informacion-publica/estudos
