A Concellaría de Planificación Urbana, Mobilidade e Policía establece a suspensión da limitación do aparcamento en Zona Azul entre os días 19 e 29 de xuño, ámbolos dous incluídos, coincidindo coa Semana Grande do San Xoán. Durante estes once días os condutores e condutoras poderán estacionar os seus vehículos libremente nas prazas nas que habitualmente está limitado a 90 minutos o tempo máximo de estacionamento.
Dentro das medidas propostas pola Policía Local de Carballo tamén figura, como todos os anos, o establecemento de vías de acceso alternativas para as persoas residentes e/ou usuarias de garaxes nas rúas que permanecerán pechadas durante as festas.
O emprazamento das atraccións no Rego da Balsa, por segundo ano consecutivo, tamén implicará cambios. Deste xeito, o San Martiño poderá utilizarse para estacionar, aínda que os aparcadoiros recomendados pola Concellaría de Mobilidade para estas datas son o situado a carón do Centro Comercial Bergantiños e os da contorna do Pazo da Cultura.
Na zona do Rego da Balsa, o servizo de limpeza viaria estivo traballando nos últimos días na posta a punto dos aparcadoiros para que poidan albergar as atraccións e as barracas das festas, que empezarán a instalarse o luns 16. Nese mesmo ámbito desenvolverase tamén a cachela popular e algunhas das verbenas, polo que están previstos cortes de tráfico na prolongación da rúa Bos Aires (desde o cruce con Ecuador) e na rúa Perú coincidindo coas grandes actuacións programadas nese ámbito os días 21, 22 e 23.
Tanto na rúa Perú (desde a rotonda da Ponte da Pedra ata a rotonda da rúa Poñente) coma na Vázquez de Parga (desde o cruce con Emilia Pardo Bazán) realizaranse cortes nas horas de maior afluencia. Así mesmo, para facilitar o ocio nocturno, como xa vén sendo habitual todos os anos, poderá pecharse a rúa Estrela. En canto á contorna da Praza do Concello, que seguirá sendo o centro da festa, realizaranse os cortes habituais coincidindo coas procesións e as grandes actuacións nocturnas.
A Concellería de Mobilidade agradece a colaboración da cidadanía para facer posible a conciliación dos distintos usos que teñen as rúas máis céntricas durante a celebración das festas patronais.