A web oficial do concello de Carballo

Estudantes de 9 a 17 anos poderán mellorar as súas competencias dixitais en catro campamentos de verán

Despois da boa acollida que tiveron o ano pasado, este verán duplicamos a oferta de campamentos dixitais en colaboración coa Fundación Esplai. Entre o 1 de xullo e o 31 de agosto desenvolveranse na Aula CeMIT catro campamentos do proxecto CRI-TIC, cuxo obxectivo é mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa.

As prazas están limitadas a 12 por grupo, e o prazo de inscrición estará aberto desde o 13 de maio ata o 6 de xuño a través da plataforma dixital da Aula CeMIT. As persoas que aínda non estean dadas de alta ou teñan dificultades para realizar o trámite poden achegarse ata as oficinas municipais do Fórum Carballo (2º andar) previa cita no 981 709 011. O único requisito para participar é ter entre 9 e 17 anos e non ter recibido a mesma formación con anterioridade.

Os grupos están establecidos do seguinte xeito: do 1 ao 10 de xullo, do 14 ao 23 de xullo e do 18 ao 27 de agosto, para nenos/as de 9 a 13 anos, e do 4 ao 13 de agosto, para adolescentes de 14 a 17 anos. No caso de que neste último non se cubriran as prazas abriríase tamén a nenos as de 9 a 13 anos.

En todos os casos, o horario do campamento será de 10.00 a 14.00. Ao longo da formación, os/as participantes abordarán os seguintes contidos:

  • Uso responsable e consciente da tecnoloxía e RRSS
  • Fake News: fiabilidade da información
  • Programación e robótica educativa
  • Intelixencia Artificial (IA) e Creatividade Dixital
  • Ciberseguridade e prevención do ciberacoso
  • Realidade aumentada e realidade virtual
  • Actividades lúdicas e lecer saudable

O obxectivo destas actividades, deseñadas e impartidas pola Fundación Esplai, é pechar a fenda social dixital dotando de competencias dixitais a nenos, nenas e adolescentes de 9 a 17 anos. Cada participante completará un itinerario formativo de 30 horas, ao remate das cales recibirá un diploma acreditativo.