O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, pon á disposición das familias unha nova edición do programa Concilia, neste caso con motivo da xornada non lectiva do luns 7 de decembro, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.
O servizo, dirixido ao alumnado de todos os centros escolares de Carballo, desenvolverase nas instalacións de Pequeñís, situadas na rúa Álvaro Cunqueiro, número 1, baixo, en horario de 7.00 a 14.30 horas. O prezo establecido na ordenanza municipal é de 10,40 euros por xornada, co servizo de almorzo incluído.
As familias interesadas deberán presentar a correspondente solicitude a través do Rexistro Xeral do Concello de Carballo, ben presencialmente ou a través da sede electrónica municipal (https://carballo.sedelectronica.gal), ou por calquera das outras vías legalmente establecidas.
Co formulario de solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI do neno ou da nena.
- Fotocopia da tarxeta sanitaria.
- Fotocopia do DNI da nai, do pai ou da persoa titora legal.
- Certificado da conta bancaria para a domiciliación do pagamento.
O prazo de inscrición rematará o mércores 2 de decembro ás 23.59 horas. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición. Para a prestación do servizo será necesario contar cun mínimo de dez participantes. As anulacións de reservas realizadas fóra do prazo de inscrición ou a non asistencia suporán igualmente o aboamento do servizo.
Para máis información, as familias poden contactar co Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Carballo a través dos teléfonos 981 700 688 e 638 123 460.
Con iniciativas como o programa Concilia, o Concello de Carballo reforza o seu compromiso coa conciliación e coa igualdade de oportunidades, ofrecendo recursos que contribúen a dar resposta ás necesidades das familias tamén durante os días non lectivos do calendario escolar.