Desde o 16 de xuño ata as 23:59 horas do 31 de outubro de 2025 está aberto o prazo de solicitude do Bono Cultural Joven 2025, unha axuda do Ministerio de Cultura para facilitar o acceso da mocidade á cultura, nas súas distintas manifestacións, así como revitalizar e dinamizar o sector cultural.
1. Poden solicitalo as persoas físicas que reúnan os requisitos seguintes:
- Cumprir 18 anos en 2025.
- Posuír a nacionalidade española ou residencia legal en España.
2. Poderán ser igualmente beneficiarias aquelas persoas que non cumprindo os requisitos de nacionalidade e residencia sexan:
- Solicitantes de asilo en España, mediante a presentación da documentación acreditativa prevista no artigo 18.1.a) da Lei 12/2009, do 30 de outubro, reguladora do dereito de asilo e da protección subsidiaria.
- Solicitantes de protección temporal de acordo co establecido no Real Decreto 1325/2003, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento sobre réxime de protección temporal en caso de afluencia masiva de persoas desprazadas.
- Persoas estranxeiras extuteladas que se atopen en trámites de obtención do permiso de residencia legal en España.
As axudas terán un importe máximo de 400 euros por persoa beneficiaria e destinaranse á adquisición dos produtos e servizos culturais. Concederase por unha soa vez a cada beneficiario e será individual, persoal e intransferible.