O Concello de Carballo abrirá o vindeiro 7 de setembro o período voluntario de cobranza dos principais tributos municipais correspondentes ao exercicio 2026.
Ata o 20 de novembro estarán ao cobro o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), nas modalidades urbana, rústica e de características especiais; o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), a taxa pola prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de lixo e residuos sólidos na súa modalidade comercial e as taxas pola venda ambulante no mercado da Milagrosa e nas feiras e mercados da Praza do Concello.
En conxunto, os dereitos postos ao cobro ascenden a 7.649.583,46 euros, distribuídos en 37.603 recibos. Destaca o elevado peso das domiciliacións bancarias: 20.136 recibos, o 53,55 % do total, xa están domiciliados, por un importe conxunto de 4.367.499,50 euros, que representa o 57,09 % da contía total posta ao cobro.
Por tributos, o maior volume corresponde ao IBI urbano, con 6.399.061,76 euros e 32.370 recibos non exentos. Séguenlle o IBI rústico, con 349.389,99 euros e 2.908 recibos; a taxa comercial do lixo, con 332.230,66 euros e 1.661 recibos; e o IAE, cun importe de 316.703,34 euros e 490 recibos. Completan os padróns o IBI de características especiais, con 209.662,26 euros; a taxa pola venda ambulante no mercado da Milagrosa, con 26.505,27 euros e 146 recibos, e a correspondente ás feiras e mercados da Praza do Concello, con 16.030,18 euros e 29 recibos.
Formas de pagamento
As persoas contribuíntes que non teñan domiciliados os seus recibos poderán efectuar o pagamento durante o período voluntario nas oficinas e caixeiros de ABANCA, CaixaBank, Banco Santander e BBVA, utilizando o correspondente documento de pagamento. Tamén poderán facelo mediante a banca móbil ou electrónica destas entidades ou, con tarxeta bancaria, a través da pasarela de pagamentos da web municipal. Lembramos que desde o ano 2023 non poden realizarse pagos en metálico na Oficina de Recadación.
Os recibos domiciliados cargaranse nas contas a partir do 28 de setembro. Ademais, as persoas que aínda non teñan domiciliados os seus tributos poderán cursar a orde de domiciliación na Recadación Municipal antes do 25 de setembro para os recibos desta campaña.
O Concello remitirá por correo postal 10.034 cartas correspondentes aos recibos non domiciliados. No caso das domiciliacións, enviaranse outras 10.672 cartas informativas nas que se detallarán os recibos que serán cargados nas contas bancarias.
As persoas que non reciban a carta de pagamento poderán solicitala na Recadación Municipal, situada no soto do Mercado Municipal, con acceso desde a Praza do Concello. O horario de atención é de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. Tamén poden contactar a través do teléfono 881 985 430 ou do correo electrónico recadacion@carballo.gal.