A Xunta de Galicia comunicou ao Concello de Carballo a decisión de Augas de Galicia de activar a prealerta por escaseza de auga no río Anllóns, no que se atopa unha das dúas captacións coas que contamos no noso concello.
Por que se activa a prealerta?
Augas de Galicia indica que os datos da estación de aforo do río Anllóns mostran un drástico descenso do caudal desde mediados de agosto, cuns indicadores por debaixo do límite de 0,30. “Tras constatar que, lonxe de mellorar, nas últimas dúas semanas a situación amosou un lixeiro empeoramento”, activouse o protocolo establecido no Plan Especial de Seca de Galicia.
En Carballo hai problemas?
Polo momento, non. Carballo abastécese tanto do Anllóns como, sobre todo, do Bardoso, que agora arredor dun 60% da auga que consumimos. Dentro do Proxecto Anllóns-Bardoso, no que se investiron máis de catro millóns de euros, instaláronse dúas estacións de aforo de caudal augas arriba das dúas captacións existentes. Deste xeito é posible saber canta auga levan o Anllóns e Bardoso e canta se pode captar de cada un deles en cada momento.
Que pasa coas traídas veciñais?
Dende o Concello de Carballo pedimos aos veciños e veciñas que comuniquen as dificultades de abastecemento que poidan producirse e que soliciten, se é preciso, os servizos de Protección Civil para encher os depósitos.
Agradecemos a vosa colaboración facendo un uso responsable da auga.
